Propostas de adxudicación para a reurbanización da rúa Alonso López
A Mesa Permanente de Contratación do Concello de Ferrol procedeu hoxe a facer a proposta de adxudicación das obras de reurbanización da rúa Alonso López, situada no barrio de Canido, e que se acometerán con cargo a fondos europeos do Plan Urban. Despois de que os técnicos municipais analizaran as ofertas presentadas polas 24 empresas que concorreron a este procedemento, a Mesa de Contratación decidiu hoxe elevar como proposta de adxudicación a feita pola empresa Construmax de Contratas S.L.
O concelleiro responsable da Área de Urbanismo e Medio Ambiente, e presidente da Mesa Permanente de Contratación, Guillermo Evia Pérez, informou de que a contía económica para acometer levar a cabo os traballos de mellora de Alonso López ascende a 185.593,01 euros (sen IVE). Unha vez pechada a proposta de adxudicación, Construmax de Contratas S.L terá agora que responder aos requirimentos administrativos que lle fagan os servizos municipais de Contratación, antes da adxudicación definitiva da intervención por parte da Xunta de Goberno Local.
Ademais da mellora de Alonso López.. a Mesa de Contratación tamén elevou, para a súa aprobación en Xunta de Goberno Local, a adxudicación das obras de reacondicionamento dos eixos de comunicación entre barrios históricos no que atinxe á mellora da conexión de Alonso López coa rúa Real. Para a execución deste proxecto, que o Concello de Ferrol financiará con cargo aos fondos europeos do Plan Urban, a empresa mellor valorada e que propoñen os técnicos municipais é Acciona Infraestructuras. Esta firma recibiu a puntuación máis alta da Mesa de Contratación entre as 25 ofertas presentadas. O investimento no mesmo ascende a un total de 280.345,94 euros (sen IVE).
O titular de Medio Ambiente e Urbanismo, apuntou que con estas dúas novas contratacións, que terán que ser ratificadas en vindeiros días en Xunta de Goberno Local, o Concello de Ferrol continúa a desenvolver as intervencións comprometidas no Plan Urban no contorno do barrio de Canido. Neste sentido, lembrou que o seu departamento recibiu do anterior mandato a rúa Alonso López levantada e intransitable, e cun proxecto de obra que a empresa que o anterior executivo socialista deixou como adxudicataria non era capaz de levar adiante, pola súa incapacidade técnica e económica. Ante esta situación, e xa no presente cuadrienio, a Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo púxose a traballar na solución desta situación; resolvendo primeiro o contrato anterior; executando obras de emerxencia na rúa e, agora, culminando o novo proceso de adxudicación que foi preciso acometer.











