Propietarios de montes de Neda trasladan ao Concello un presunto boicot dos maderistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNeda
A-
A+

O goberno local de Neda recibiu as queixas de diferentes familias da localidade interesadas en talar a madeira dos seus montes para a súa posterior venda. Segundo trasladaron o executivo que dirixe Ignacio Cabezón, os empresarios maderistas negáronse a asumir os traballos amparándose nun presunto boicot do sector en resposta á decisión municipal de esixirlles un aval en metálico antes de iniciar os traballos. Unha fianza que o empresario recupera sempre e cando deixe camiños e pistas nas mesmas condicións nas que se encontran previamente, pero que o Concello bloquea se se producen estragos que o maderista rexeita emendar. Esa actitude provocou nos últimos tempos os consiguientes prexuízos económicos para as arcas locais, xa que o Concello se ve obrigado a destinar recursos de todos os veciños e veciñas para reparar a rede viaria danada co negocio particular.

Tras encontros infrutuosos cos empresarios promovidos polo propio alcalde, o goberno local adoptaba esta última medida, vixente noutros municipios da bisbarra con ampla tradición madeireira como Ortigueira. De darse esta situación, o goberno local insta aqueles veciños afectados a poñerse en contacto co Concello. E, en previsión de posibles problemas, o executivo local xestionou a intermediación da Asociación Fomento Forestal. A entidade conta na actualidade cuns catrocentos socios e socias, o seu ámbito de actuación esténdese dende o río Sor ata o Mandeo e prevén a venda, durante este ano, de entre 60.000 e 100.000 toneladas de madeira. Os socios aboan unha cota única de 25 euros e a entidade certifica a súa madeira e realiza as xestións para a súa venda por tonelada, comezando na mesma talla. A asociación recibe logo unha pequena porcentaxe por tonelada. Deste modo, e en caso de que este suposto boicot que denuncian os veciños sexa certo, o gobier-non local comprométese a buscar unha solución para evitar prexuízos a veciños e propiedades municipais.

5 de marzo de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.