Profesionais médicos do Centro de Orientación Familiar imparten obradoiros no IES de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informou hoxe da vindeira celebración de dous obradoiros sobre sexualidade a impartir no Instituto mosense.

O venres, día 8 marzo, o Doutor Eduardo Yáñez González impartirá a charla ‘Sexualidade e anticoncepción’. O ponente exerce actualmente coma Director Xefe de Sección do Centro de Orientación Familiar de Vigo.

E o luns, día 8 abril, o título da charla será ‘Sexualidade e adolescencia’, e impartiraa a psicóloga do Centro de Orientación Familiar de Vigo, María Ascensión Fraga Fernández.

Esta iniciativa vai dirixida a complementar os recursos escolares e académicos en tempo lectivo e horario escolar, e trátase duns obradoiros integrados no Programa “Ciclo de vida adolescente”, dirixido a alumnos/as de 3º e 4º cursos de ESO.

Neste sentido Monzón, edil responsable desta iniciativa, explicou que “a idea de desenvolver esta actividade no IES de Mos surxiu porque os centros educativos constitúen espazos de socialización esenciais no desenvolvemento integral de alumnos e alumnas. O período escolar é unha das etapas máis significativas na vida das persoas, onde transcorren moitas das experiencias que repercuten directa e indirectamente na formación da personalidade. O centro escolar é testemuña e axente implicado na evolución e cambios que se producen no alumnado, non só na transición de etapas vitais (neno/a, adolescente, adulto/a), senón da construcción dunha identidade e personalidade propia”.

Ademais a concelleira engadiu que “enmarcado nas materias de carácter transversal, áchase a educación para a saúde, na que os centros de ensino teñen que programar no calendario lectivo e incluír no proxecto educativo de centro, algún tipo de actividade ou programa no que se vaian a traballar contidos vencellados á educación para a saúde. A formación impartida nos centros educativos contribúe co traballo das familias na formación integral das rapazas e dos rapaces. Os docentes demandan profesionais especializados nas materias ás que se refire esta proposta formativa, de cara á elaboración e implementación de intervencións específicas, deseñadas dende unha perspectiva técnica e científica”.

6 de marzo de 2013 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.