Preto dun centenar de obras conforman a exposición do XV Certame Xosé Manuel Eirís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Mostra

Escolma de obras

O Concello de Carballo vén de inaugurar na sala da baixocuberta do Pazo da Cultura a Exposición do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, conformada por unha escolma de 90 obras das 178 imaxes que se teñen presentado ao concurso. Nesta selección atópanse as catro imaxes gañadoras: o primeiro posto é para “Cóntamo todo”, premiada con 700 euros e diploma, e realizada polo fotógrafo ceense Marcos Rodríguez. Para o segundo premio, dotado con 450 euros e diploma, resultou elixida a fotografía que leva por título “El tiempo espera” presentada por Xavier Ferrer Chust, de Vila-Real (Castellón). O Premio Especial Carballo, que distingue as imaxes centradas no municipio e dotado con 450 euros e diploma, recaeu na fotografía que leva por título “Auxilio” presentada por Eduardo Verdes Pereira, de Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar dous accésits dotados con 125 euros cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía “Bosque de arena” presentada por Áurea Malvido, de Pontevedra; e á fotografía “Lake” presentada por Laura Cuba, de Oleiros. Esta edición ten rexistrado 75 participantes e dáse o caso de que Marcos Rodríguez gaña por segunda vez o concurso, tengo resultado vencedor coa imaxe “Toda unha vida” na edición de 2010.

Despois de recoller o galardón, o gañador do primeiro premio quixo lembrar que nunha ocasión tivo a oportunidade de traballar nun proxecto audiovisual co propio Xosé Manuel Eirís, polo que “é unha honra poder levar á casa un premio co seu nome”. Quixo tamén mencionar a sorte, xa que tiña un 1,69 por cento de posibilidades de gañar, unhas posibilidades que se reducían aínda máis tendo en conta que xa fora gañador nunha edición anterior. Quixo explicar a súa fotografía, tomada na Catedral de Santiago, e na que, segundo salienta, un confesionario “deixa ver un pouco” da vida do sacerdote que está dentro, como a súa afección pola música ou a presenza duns libros nuns estantes que amosan que para moitas horas nese espazo. Por último, agradeceulle ao público a oportunidade que ten de “poder dedicarme ao que máis me gusta e contárvolo todo coas miñas imaxes”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tivo verbas para lembrar a Xosé Manuel Eirís, “unha persoa que deixou un legado moi importante” e ao que agora os participantes do concurso lle renden homenaxe. Quixo subliñar que incluso nenos de 10 anos teñen presentado as súas fotografías ao certame e desexou que “continúe o bo ollo detrás da cámara” para edicións sucesivas.

A inauguración da exposición contou coa presenza de todos e todas os premiados, coa excepción do castellonense Xavier Ferrer Chust, que non puido asistir por motivos laborais; tamén asistiron varios membros do xurado, como Javier Iglesias Pallas, en representación da Asociación Cultural San Campio de Cances; ou Ángel Cordero Gómez, profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Houbo que desculpar por moitos persoais a presenza de representantes da familia de Xosé Manuel Eirís, “a primeira vez que non nos poden acompañar”, segundo explicou o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, “que é cando un se da conta da amizade e do oco que deixan as persoas”. Na cita estivo así mesmo a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e numerosos membros da corporación como a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; o concelleiro Marcos Trigo, tamén membro do xurado, ou o concelleiro e deputado Aurelio Núñez Centeno. Os interesados e interesadas en visitar esta mostra poden facelo na sala de exposicións situada na baixocuberta do Pazo da Cultura (no terceiro andar), en horario de 18.00 a 21.00 horas até o xoves 25 de abril. Tamén se pode consultar a fotografía gañadora nesta mesma nova nun documento en pdf.

18 de marzo de 2013 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.