“Presume de praceira e praceiro” permitirá gañar cheques de compra
O Concello de Ferrol colabora na campaña “Presume de praceira e praceiro”, unha iniciativa desenvolta pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Dende o pasado luns 18 de marzo e ata o 3 de maio, os clientes dos tres mercados municipais da cidade recibirán un cupón por cada compra que realicen nas instalacións da Magdalena, Recimil ou Caranza, a través do que pasarán a participar nos sorteos de cheques de compra a utilizar nos propios postos dos praceiros.
O cupón terá que ser cuberto cos datos persoais do consumidor e ademais inclúe un apartado no que este deberá indicar o número de posto da súa praceira ou praceiro favorito. Así mesmo, deberá ser depositado na urna instalada no propio mercado, sendo válidos só nos que figure un único número de posto.
Os días 12 de abril e 3 de maio procederase á elección ao azar de tres cupóns no mercado local, que se corresponderán con tres clientes agraciados con cheques de compra por valor de 75, 50 e 25 euros. Os gañadores unicamente poderán trocalos no propio mercado en forma de descontos nas próximas compras. A validez destes caducará o 31 de maio de 2013.
Troco de cheques
As praceiras e praceiros soamente poderán facer o troco dos cheques en Nocagalicia Banco, onde deberán acreditar a súa condición de traballadores no mercado de abastos. Os prazos para cambiar 5 cheques ou máis serán entre os días 15 e 25 (inclusive) dos meses de abril, maio, xuño e xullo. Así mesmo, os trocos de menos de 5 cheques poderán realizarse os días 20 dos meses de abril, maio, xuño e xullo.











