Lete Lasa destaca a calidade organizativa e competitiva da Vilagarcía Basket Cup

Lete Lasa e López Abella
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe a calidade organizativa e competitiva do programa da Vilagarcía Basket Cup, que fai deste evento un dos grandes acontecementos deportivos do ano en Galicia. Así o dixo na rolda de prensa de presentación da XVIII edición da Vilagarcía Basket Cup, que entre os días 28 e 30 de marzo reunirá na vila arousá un cento de clubs e equipos de nenos.
Lete Lasa apuntou que “non é doado chegar a XVIII edicións”, e resaltou que a programación responde “organizativa e competitivamente, á exixencia que este deporte require, e cun nivel de profesionalidade á altura do que xa é a Vilagarcía Basket Cup”.
Na súa intervención, o secretario xeral puxo de relevo que “a extensión do deporte, o fomento da práctica deportiva, pivota esencialmente na actividade dos clubs, núcleo esencial, case que familiar, da actividade deportiva”, e brindou o apoio da Secretaría Xeral para o Deporte a ese labor.
“Actuacións como a Vilagarcía Basket Cup ou como as actividades da Escola do CB Vilagarcía asoman un grao de excelencia que ben merece o esforzo, o apoio e o traballo de todos”, concluíu.
Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella destacou que a Vilagarcía Basket Cup, é unha oportunidade para facer do deporte unha bandeira da igualdade e fomentar espazos de participación e práctica deportiva en igualdade de mozas e mozos, co obxectivo de dar un paso máis para enraizar a igualdade no deporte.
López Abella resaltou que no VI Plan galego de Igualdade entre mulleres e homes da Xunta, aparecen recollidas medidas vencelladas á igualdade e ao deporte, coma o impulso da coeducación e da igualdade de oportunidades entre nenos e nenas no desenvolvemento de programas de actividades físicas e deportivas dirixidos á poboación escolar, ou o impulso á participación das mulleres no deporte galego de alto nivel, con especial incidencia no deseño e a aplicación de medidas para remover os obstáculos por razón de sexo.











