“Ponte no meu lugar”
A fundación ASPANEPS en colaboración cos Servizos Sociais de Cabanas e o CEIP Eladia Mariño ven desenvolvendo no centro cabanés a actividade co título “Ponte no meu lugar. Iguais pero diferentes” e coa que se pretende promover o coñecemento da situación das persoas con diversidade funcional entre a poboación escolar de Cabanas, fomentando valores como a solidariedade, a tolerancia e o respecto. Este próximo venres realizarase un percorrido práctico e a entrega de diplomas coa que se porá o punto final a esta actividade complementando a exposición que leva funcionando dende este luns.
A exposición, consistente en seis carteis extensibles explicativos do programa complementouse coa actividade levada a cabo por un educador de ASPANEPS xunto co persoal docente do CEIP Eladia Mariño, que foron traballando co alumnado nas aulas para acadar unha empatía con realidades diferentes, afondando no significado evolutivo da dependencia como un proceso cíclico que de maneira temporal nos afecta a todas as persoas, en especial no período de envellecemento. Tamén se tentou de promover a busca activa e práctica de transformacións a favor da accesibilidade global e o deseño para todas as persoas no seu entorno inmediato, o colexio e o seu barrio.
Este venres terá lugar un percorrido “práctico” por parellas formadas polo alumnado do CEIP Eladia Mariño que empregarán cadeiras de rodas e antifaces para desprazarse polo colexio e os seus accesos. Ademais, un mestre ou mestra colocarse os accesorios do “kit de envellecemento”, un traxe que simula as dificultades de carácter físico e sensorial que representa o proceso de envellecemento, para logo realizar un conxunto de tarefas da vida cotiá para descubrir as limitacións de forza, velocidade, visión, audición… A sesión rematará cunha ficha de recollida visual da experiencia, así como a realización dun pequeno obradoiro de chapas alusivas á actividade. A entrega final dos diplomas ó alumnado terá lugar ás 13:30 horas











