Ponte Caldelas concede licenza a unha nova nave no parque empresarial da Reigosa
A Xunta de Goberno Local de ponte Caldelas celebrada o pasado venres, entre outros asuntos concedeu licenza de obras e actividade á empresa Félix e Viñas, S.L., para a construción da súa nova nave na parcela n.º 28 do Parque Empresarial da Reigosa que ten unha superficie total de 2.319 m2.
Trátase dunha nave de 750 m2, 30 metros de longo e 25 de ancho distribuída en:
– Planta baixa: zona industrial, cuarto de ferramentas, zona de recepción, vestíbulo e entrada, así como vestiarios.
– Planta alta: aula de formación, sala de xuntas e oficinas.
Con esta nave Félix e Viñas, S. L. pretende a modernización desta empresa dedicada ás instalacións e montaxes eléctricas en alta e baixa tensión.
O Alcalde Perfecto Rodríguez recorda que das 49 parcelas que ten o Parque Empresarial da Reigosa hai 23 vendidas e 2 reservadas.
Desas 23 hai construídas ou en construción 11 naves (incluída a de Félix e Viñas) que ocupan un total de 13 parcelas (algunha nave ocupa 2 parcelas).
Perfecto Rodríguez é consciente que a situación económica está a impedir que algunhas empresas que adquiriron a parcela poidan afrontar a construción da nave, especialmente por problemas de financiamento.
“Espero que pouco a pouco outras empresas comecen neste ano a construción das súas naves e nuns anos o parque empresarial da Reigosa poida converterse nun motor de actividade empresarial e industrial e o que é máis importante tamén de xeración de emprego”.











