Ponte Caldelas aprobou inicialmente o plan especial de dotacións da zona de Valdarrosa
O Concello de ponte Caldelas aprobou no Pleno do xoves cos votos a favor do PP e BNG e abstención do PSOE a aprobación inicial do Plan Especial de Dotacións dos terreos do ámbito do Instituto, para permitir a construción dun Auditorio no futuro. A superficie afectada son 3.147,43 m2.
Tras a aprobación inicial someterase agora a información pública así como a informe dos diferentes organismos sectoriais que teñen que emitir informe. Unha vez pasado este trámite remitirase á Secretaría Xeral de Ordenación e Territorio da Xunta que ten que emitir un informe vinculante autorizando ou non o Plan. Despois dese informe o Concello terá que aprobar definitivamente o documento e unha vez chegado a ese punto poderá xa negociarse a adquisición dos terreos. Con carácter previo xa se tramitou o documento de inicio polo que a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental ditaminou que non era necesario someter o Plan ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.
A idea do Alcalde é aprobar o documento ao longo deste ano e negociar a adquisición dos terreos durante o 2014.
O Plan Especial de Dotacións ten como finalidade autorizar urbanisticamente a instalación dun equipamento cultural nos terreos do ámbito do Instituto de ponte Caldelas, sen necesidade de esperar á elaboración dun novo PXOM, co obxectivo de que no futuro puidese construírse alí un Auditorio. Eses terreos que se sitúan entre o Instituto e o resto da zona urbana da vila, teñen actualmente cualificación urbanística de chan rústico, a pesar de estar situados practicamente na zona urbana, máis preto que o propio Instituto e con todos os servizos urbanísticos de auga, saneamento, enerxía eléctrica, etc.
Para Perfecto Rodríguez é a situación ideal, posto que se trata dunha zona xa urbanizada na que existe bastante espazo de aparcadoiro e que ademais tendo en conta os horarios do Instituto non coincidiría nunca coas actividades de máis afluencia ao Auditorio posto que se celebrarían principalmente pola tarde ou noite ou fins de semana.
O obxectivo do Alcalde é precisamente aproveitar estes momentos de crise económica nos que “evidentemente non se poden levar a remato grandes investimentos”, para realizar os trámites burocráticos e urbanísticos que sempre levan moito tempo, e que nos poderán permitir, se a situación económica mellora nos próximos anos, intentar construír no futuro un Auditorio Municipal que permita ao Concello contar cun equipamento do que actualmente carece, e que complementaría a actividade cultural do municipio, permitindo a celebración de eventos culturais como teatro, concertos, etc; así como lugar de ensaio para os distintos grupos musicais do municipio. Na actualidade ningún local do Concello reúne condicións para albergar actividades así. Preténdese que neste se poidan organizar tamén cursos e actividades que na actualidade en moitas ocasións non se poden celebrar porque o Centro Cultural da Alameda non dispón de salas adaptadas nin dun salón de actos apropiado.
Perfecto Rodríguez é consciente de que coa conxuntura económica actual non se vai afrontar un investimento así, aínda que o que pretende é aproveitar esta etapa para realizar os trámites urbanísticos necesarios para que ese terreo de ao redor de 3.147,43 m2 sexa apto no futuro para albergar esa instalación, así como negociar a adquisición dese terreo polo Concello mediante un acordo coa Comunidade de Montes de Cuñas. Todos eses trámites sabemos por experiencia que adoitan levar dous ou tres anos e por iso considero que agora é o momento de facelos. Se a situación económica mellora no futuro e se o parque empresarial da Reigosa despega economicamente e con el os recursos do propio Concello poderiamos formularnos despois do 2015 a súa construción”.
“Cando non hai diñeiro para investimentos hai que aproveitar o momento para planificar posibles actuacións futuras, porque a xestión dun Concello tamén depende desa boa planificación,”.











