Ponte Caldelas aproba os criterios para os alugueres sociais das vivendas de Caritel
O Concello de Ponte Caldelas aprobou no Pleno de hoxe os criterios que rexerán o prego para a adxudicación en réxime de arrendamento social das vivendas de Caritel cedidas polo IGVS en virtude do convenio asinado esta semana polo Alcalde co Conselleiro Agustín Hernández.
Trátase das dúas vivendas que no seu día adquirira o Concello de Poio para os realojos. Agora o Concello de Ponte Caldelas de acordo con ese convenio destinaraas a familias do municipio en situación de emerxencia social que carezan de vivenda.
A finalidade é facilitar que as persoas que non teñan cuberta a súa necesidade de vivenda habitual, soporten cargas familiares e dispoñan de escasos recursos que lles impidan acceder a unha vivenda no mercado libre, poidan dispoñer dun espazo adecuado ás súas necesidades, á vez que a través dun plan de intervención social, se poñan os medios para mellorar as condicións iniciais que motivaron o acceso a estas vivendas, a través da concesión en arrendamentos destas.
Os criterios aprobados polo Pleno que se terán en conta na baremación son:
a) Número de membros da unidade familiar que conviven no mesmo domicilio coa persoa solicitante.
b) Número de menores de idade que formen parte da unidade familiar.
c) Situacións persoais e socioeconómicas da unidade familiar debidamente xustificadas:
– Ser persoa solicitante e ter ao seu cargo outras persoas con minusvalidez ou dependencia.
– Ser obxecto de medidas de realoxar e/ou desafiuzamentos.
– Familias monoparentais con cargas familiares non compartidas.
– Situacións de violencia de xénero debidamente acreditadas.
– Familia numerosa.
– Unidade familiar na que todos os seus membros adultos, esgotasen as prestacións por desemprego.
d) Ingresos brutos anuais da unidade familiar: tendo como referencia o valor do IPREM.
Adhesión ao Convenio da FEMP para a creación do Fondo Social de Vivenda.
Por outro lado o Pleno tamén acordou a adhesión ao Convenio de Colaboración para a creación dun Fondo Social de Vivenda subscrito entre o Goberno de España, a Federación Española de Municipios e Provincias, a Plataforma do Terceiro Sector e varias entidades de crédito de data 17 de xaneiro de 2013.
O que se pretende con este convenio é que se se inclúen vivendas situadas no municipio de ponte Caldelas neste Fondo Social de Vivendas que crearán as entidades de crédito, no procedemento de outorgar estas en réxime de aluguer social, se teña en conta o informe dos Servizos Sociais municipais, que son os que mellor coñecen a realidade socioeconómica das familias. Así neses supostos os Servizos Sociais do Concello elaborarán os informes sobre a situación socioeconómica das familias.











