Ponte Caldelas aproba a liquidación do exercicio económico do 2012 cun remanente de 310.000 €

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas aprobou a liquidación correspondente ao exercicio económico do ano 2012, que será remitida ao Ministerio de Facenda.

De acordo cos datos, a liquidación dá resultado positivo, establecéndose un remanente de tesouraría para gastos xerais de 310.752,73 €.
Desta forma o Concello cunha parte deste remanente financiará a achega municipal correspondente ao Plan de Investimentos incluído no presuposto municipal deste ano 2013, que ascende 143.900 €, que inicialmente estaba previsto que se financiase a través dunha operación de crédito.

Así grazas ao resultado do exercicio presupostario do 2012, non é necesario acudir durante o 2013 a ningunha operación de crédito, o que na práctica supón reducir o nivel de endebedamento do Concello.

No Pleno do próximo xoves aprobarase unha modificación presupostaria para este fin, o que reduce aínda máis a porcentaxe de endebedamento do Concello, que xa estaba situado coa aprobación do presuposto nunha porcentaxe do 49% dos gastos ordinarios, cando o límite fixado polo Estado está no 75%. Agora ao financiarse este plan de investimentos co remanente, a débeda viva redúcese nese importe, situándose na porcentaxe do 44,1%.

Con estes datos o Concello cumpre o Plan Económico – Financeiro remitido no seu día ao Ministerio de Facenda, o que garante que o Concello finalizará o ano 2013 en estabilidade presupostaria, reducindo ademais a débeda viva do Concello por debaixo do 45% dos recursos ordinarios do Concello.

Perfecto Rodríguez cre que fai falta seguir executando os exercicios presupostarios co mesmo rigor para garantir unha situación económica saneada das contas públicas.

18 de marzo de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.