Ponte Caldelas acolle este sábado unha Feira de Artesanía

Presentación da Feira de Artesanía
O evento terá lugar o próximo sábado 30 na Alameda de ponte Caldelas. Instalarase no ámbito da Praza de Abastos da vila. O evento, que está organizado por un colectivo de artesáns representado por Arantxa Esperón Rivera, veciña do municipio, instalará os diferentes postos entorno á Praza de Abastos de ponte Caldelas. Esta situación decidiuse debido ás predicións meteorolóxicas que auguran chuvia. Así poderán aproveitar os soportais do propio mercado municipal para poder levar a cabo a instalación dun xeito máis ou menos “resgardado”. Do mesmo xeito e para facilitar a situación dos máis de 20 postos previstos, durante todo o sábado quedará prohibido aparcar nas prazas de estacionamento marcadas no ámbito da propia Praza de Abastos.
Por parte da organización quíxose dar á feira un carácter solidario coa recollida de alimentos non perecedoiros e tapóns que serán doados ao Banco de Alimentos, Banco de tapóns e Aldeas Infantís.
Para completar a xornada o club moteiro “Ás Vespas do Lérez” visitará a feira entre as 6 e as 7 da tarde.
Perfecto Rodríguez, Alcalde de ponte Caldelas, valora moi positivamente este tipo de iniciativas que promoven os diferentes colectivos do municipio e que redundan no interese xeral.











