Ouresnse organiza obradoiros de animación á lectura para nenos en Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Co inicio das vacacións de Semana Santa que desfrutan os escolares ourensáns, a Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza un ciclo de obradoiros de animación á lectura, que se desenvolverán dende o vindeiro luns nas bibliotecas e puntos de lectura municipais. Están dirixidas a nenos de entre catro e dez anos que desexen compartir o seu tempo de lecer con outros nenos, coñecer personaxes fascinantes, aventuras incribles e participar en xogos e obradoiros creativos.

As actividades son gratuítas e levaranse a cabo nas tres bibliotecas e o punto de animación á lectura que a Concellería de Educación  ten nos barrios de A Ponte (no Centro Cívico da rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), San Francisco (na rúa Pena Trevinca-explanada da estación do tren), A Carballeira (na Praza de Sagrado Corazón), e o punto infantil do Couto, na rúa Francisco Asorey.

As actividades realizaranse o luns, día 25 de marzo, o martes 26, o mércores, 27, e o luns, 1 de abril de 11:00 a 13:0 horas. Para participar únicamente é preciso ser socio da biblioteca municipal, trámite que se pode realizar gratuitamente na propia biblioteca.

Con esta actividade, a Concellería de Educación ten como obxectivos fomentar entre os nenos o hábito e o gusto pola lectura como elemento de desfrute persoal, desenvolver a capacidade de escoita activa mediante lecturas grupais e manter vivos os valores cotiáns no mundo do neno como: Compañeirismo, amor, amizade, ou xenerosidade. Tamén se pretende proporcionar aos cativos experiencias pracenteiras para desfrutar das súas vacacións de Semana Santa relacionadas coa lectura e a recreación  de textos literarios.

22 de marzo de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.