Ourense outorga licenza de ocupación ao Estadio Universitario do Campus Sur das Lagoas
A Xunta de Goberno Local acordou, na súa xuntanza desta mañá, conceder á Universidade de Vigo licenza de ocupación ao Estadio Universitario, integrado polo campo de rugby, fútbol e pistas de atletismo, sito no Campus Sur das Lagoas.
O acordo adóptase en base ao informe técnico do arquitecto técnico municipal de data de 19 de xaneiro de 2011 e ó informe xurídico de data de 14 de marzo de 2013.
A licenza urbanística municipal foi concedida en primeiro lugar en xullo de 2009, e a licenza de ocupación en xaneiro de 2011. Así mesmo, o proxecto de urbanización da rúa Torres, complementario ao proxecto básico e de execución do Campus, foi aprobado en xullo de 2009 e as obras foron recibidas polo Concello o 28 de febreiro de 2013.
Contra o acordo, que en primeiro lugar aprobou as modificacións introducidas durante a fase de execución das obras de construcción do Estadio Universitario e en segundo lugar concedeu á Universidade de Vigo licencia de primeira ocupación do referido estadio, a Sociedade Mercantil Casas Ourense interpuxo recurso contencioso administrativo que foi desestimado en primeira instancia e estimouse parcialmente en apelación, anulando a licencia de ocupación.
A base xurídica na que se sustentaba a nulidade da licencia é “a inequívoca conexión entre as obras de urbanización e as do Estadio”, que se consideraba necesarias para poder outorgar a licencia de ocupación.
É dicir, o xulgado contencioso fai depender a licencia de primeira ocupación das obras de urbanización necesarias, que neste momento xa foron realizadas e recibidas polo Concello de Ourense, coa urbanización da rúa Torres. As obras garanten o correcto funcionamento do Estadio, complementando o proxecto básico e de execución.
A súa execución e recepción é o elemento que habilita ao Concello para outorgar licenza de ocupación, que se axusta á lexislación e planeamento vixentes e conta con tódolos informes técnicos e xurídicos favorables.
Ordeación das ofertas presentadas ao concurso de limpeza
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a ordeación decrecente das ofertas presentadas ao concurso convocado polo Concello para adxudicar o servizo de limpeza de instalacións dependentes do Concello de Ourense.
De acordo coa proposta da mesa de contratación, á vista dos informes técnicos e as fórmulas previstas do prego do concurso, das trece propostas recibidas, a oferta con maior puntuación (suma da oferta económica máis a técnica) é a de Limpiezas, Ajardinamientos y Servicios SERALIA, S.A.
Por este motivo, o Concello require a esta empresa para que presente os documentos acreditativos de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e de constituír a garantía definitiva por un importe 67.200 €, correspondente ao 5% do importe de adxudicación, IVE excluído, referido ás dúas primeiras anualidades. A empresa disporá dun prazo de 10 días hábiles a contar dende o seguinte a aquel no que reciba o requirimento.
O Consello consultivo desestima dúas novas responsabilidades patrimonias pola nulidade do Plan Xeral
O Concello recibiu dous novos informes do Consello Consultivo da Xunta de Galicia que estima a pretensión do Concello e informa favorablemente a proposta de resolución do Concello desestimando a reclamación solicitada por Don Manuel Sánchez Aguirre, por importe de 1,6 millóns de euros e da sociedade mercantil Mahía SLU, onde reclamaba 3,4 millóns de euros.
As dúas reclamacións súmanse ás 10 reclamacións patrimoniais por supostas perdas ocasionadas pola nulidade do Plan Xeral do 2003, xa recibidas polo Concello, arquivadas ou desestimadas, das 42 que ten plantexadas o Concello de Ourense. Ata o momento os ditames negan a existencia de danos e lesións patrimoniais directas dos recurrentes.
O Concello require á empresa responsable do proxecto de Montealegre a reparar os desperfectos e repoñer as marras de plantación no prazo dun mes
O Concello de Ourense requerirá, tralo acordo da Xunta de Goberno Local desta mañá, á empresa “Extraco Construccións e Proxectos, S.A.” que no prazo dun mes proceda a repoñer as marras de plantación e reparar os desperfectos que presenta Montealegre, unha vez vencido o prazo de garantía da obra. O acordo refírese ao contrato de obras do proxecto de restauración paisaxística das canteiras e construcción do edificio do centro de interpretación.
As deficiencias débense, segundo o expediente “a unha mala execución da obra, e non ao uso da mesma”. E continúa “a contratista ten a obriga de reparar as deficiencias, xa que lle corresponde a conservación da obra e reparar aqueles desperfectos que non se deban ao uso do construído”.
O acordo aprobado esta mañá inclúe advertir ao contratista de que, de non cumprir con este acordo procederase a esixir a indemnización de danos e prexuízos causados, ata un importe de 108.892,13 euros, segundo a valoración do responsable do contrato.
As observacións incluídas no informe de dirección de obra inclúen:
– As relativas á reposición das unidades de obra de repoboación forestal e revexetación de vertedoiros.
– Percíbese a necesidade de realizar a limpeza de terra acumulada nas gabias laterais aos camiños de pavimento.
– Necesidade de realizar a sementeira de céspede nas fallas que se detectaron na área de celosía de formigón do contorno do edificio e na zona da explanada de xogos.
– A cuberta vexetal do edificio de aseos atópase en mal estado.
– Diversas humidades e fisuras no edificio do Centro de Interpretación.
Entre as conclusións do informe, a dirección de obra sinala que o maior prexuízo para a obra aparece nas marras de plantación, provocadas pola combinación de dúas causas: unha deficiente calidade de presentación dalgunhas plantas e a irregular e deficiente rega posterior. O resto de deficiencias son, segundo o informe, de menor entidade, e poderían ser executadas cun custe relativamente baixo.











