Ourense mantén a relación de postos de traballo para 2013
A concelleira de Recursos Humanos do Concello de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, reuniuse esta mañá coa mesa xeral de negociación, na que participan a totalidade dos sindicatos con representación no Concello: USO, CSI-CSIF, UGT, CCOO e CIG. Na xuntanza comunicoulles que a Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense para o ano 2013 non experimentará ningunha variación respecto a 2012. A RPT, cuxas fichas contemplan os postos, funcións e salarios de tódolos traballadores do Concello mantense igual. Os salarios non experimentarán ningunha variación, xa que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado impide expresamente esta posibilidade.
A concelleira comunicou aos sindicatos que o Concello de Ourense traballará dende o vindeiro mes de abril na preparación dunha revisión en profundidade da Relación de Postos de Traballo, con vistas a actualizala, en negociación coas centrais sindicais. A concelleira convidou aos sindicatos a participar activamente neste proceso, achegando as súas propostas con vistas a acadar o documento máis eficaz e completo para o Concello.
Revisión do acordo regulador
Rodríguez Dacosta comunicou aos sindicatos que o Concello vén de iniciar o expediente para a revisión de oficio do acordo regulador das condicións de traballo dos empregados municipais.
A Comisión de Pleno ditaminou favorablemente a incoación deste expediente, que será presentado a aprobación por parte do Pleno do Concello na súa próxima sesión ordinaria, prevista para o venres, 5 de abril. Un proceso para o que o goberno municipal espera contar coa colaboración e implicación de tódalas centrais sindicais.
A concelleira de Recursos Humanos informou tamén ás centrais sindicais de que o Concello, por acordo de Xunta de Goberno Local, aprobou a declaración das áreas de Urbanismo, Rehabilitación e Infraestruturas como áreas prioritarias, de acordo co previsto pola legislación estatal, a efectos de poder cubrir as baixas rexistradas neste departamento municipal, básico e fundamental para o Concello, Concretamente, contrataranse 4 arquitectos, 2 aparelladores, 1 delineante e un enxeñeiro de Camiños.











