Ourense forma aos cativos como futuros consumidores a través dun ciclo de representacións teatrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Con motivo da celebración, o vindeiro día 15 de marzo, do Día Mundial do Consumidor, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Ourense organiza un ciclo de representacións teatrais para escolares do último ciclo de Educación Infantil e Primaria da obra “Un agasallo para papá”. O obxectivo da actividade é formar aos cativos como futuros consumidores, e neste caso, amosar o impacto das grandes superficies na desaparición do comercio tradicional.

As representacións comezarán o luns, día 4 de marzo, no colexio Luis Vives, ás 10:00 horas, continuarán o martes no Irmáns Villar e, en días sucesivos, nos centros Manuel Sueiro, Vistahermosa, San Pío X, Albino Núñez, Seixalvo, Prácticas. As Mercedes, Maristas, Greco, O Couto, Salesianos, Josefinas, Guillelme Brown, Mende, Mestre Vide, Covadonga, Eiroás, A Ponte e A Cuña, rematando o día 22 de marzo.

Grupo Trécola Teatro

A obra está escrita e dirixida polo Grupo Trécola e as funcións representaranse nos centros de ensino. Como complemento algúns centros solicitaron  un obradoiro sobre esta temática que se levará a cabo noutra sesión diferente.

O grupo Trecola Teatro vén colaborando coa OMIC dende hai catorce  anos, e os textos das súas obras adáptanse ó contexto dos escolares como consumidores. Ás representacións teñen asistido 31.243 alumnos. O Fume dos Bad Boys, Historia dunha Boneca abandoada, Que é iso do ecoconsumo, Comida, Pílleite carrapuchiña, Onde foron os xoguetes, Camiño da Fama, Nora e Albe, Pinokia, O gran mandante, Polas polas, Momo e os ladróns do tempo…etc, son obras con contidos referidos ós dereitos dos consumidores, consumo responsable e sostible,  alimentación, tempo de lecer, xoguetes, marcas, etc.).

Sinopse

As  protagonistas  da obra son “Cloe” e “Xulieta”; a primeira  ten unha pequena tenda nun barrio da cidade. Vende obxectos únicos e especiais traídos dende distintas partes do mundo por viaxeiros e aventureiros. Ela tamén fabrica os seus propios obxectos, pero un día un home descoñecido entra na tenda e tráelle uns papeis para asinar. Van demolelo todo porque queren construir un centro comercial.

Xulieta é unha nena moi especial; vai ser o aniversario do seu pai e quere facerlle un agasallo orixinal, pero só atopa cousas aburridas. Sen saber moi ben onde ir, atópase con Cloe que lle amosa o seu comercio e lle axuda a confeccionar o mellor agasallo para seu pai.

 Ficha técnica e artística

 Dramatúrxia e dirección: Tegra Vázquez Carpentier

 Escenografía,atrezzo, iluminación e vestiario: Trécola Teatro

 Música: Renata Codda Fons

 Actúan: Ledicia Álvarez, Uxía Pérez, Alfonso Míguez

 Duración: 45 minutos

4 de marzo de 2013 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.