Os voceiros municipais debaten unha proposta para regular os fondos edificables
A Oficina Técnica Municipal, en colaboración co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -documento que nestes momentos está sendo sometido ao período legal de exposición pública de dous meses que remata o 22 de marzo-, vén de elaborar varias propostas sobre os fondos edificables co obxectivo de reducir o máis posible o número de edificios que quedarían fóra de ordenación unha vez que o PXOM reciba a aprobación definitiva. Así, debido á diferenza existente entre os fondos edificables (distancia máxima entre a fachada do inmoble e a parte posterior) permitidos tanto polas normas subsidiarias dos anos 80 como polo PXOM aprobado en 2003 e os fondos autorizados polo planeamento que está en proceso de aprobación, un certo número de vivendas do casco urbano quedarían fóra da ordenación. Nas normas anteriores, a distancia permitida era de 30 metros para as plantas baixas e 20 para as plantas altas, mentres que agora o PXOM estipula que sexan 20 e 15 metros, respectivamente. Por este motivo, os técnicos do Concello xunto cos responsables de redactar o Plan veñen de presentarlle ao goberno unha das propostas estudadas que será debatida pola Comisión Municipal de Urbanismo (que inclúe menbros de todos os grupos municipais) para poder incorporar ao PXOM en proceso de aprobación provisional estas novas directrices.
Segundo a proposta dos técnicos, que xa está en mans dos voceiros de todos os grupos políticos, no caso das plantas soto, as parcelas e solares serán edificables en toda a súa superficie dende a aliñación exterior ata todos os seus límites, deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros. Nas plantas baixas, establécese un fondo máximo de 30 metros con carácter xeral. Este fondo quedará reducido a 20 metros cando se trate de parcelas e solares resultantes de procesos de equidistribución en que se estableceu ese parámetro. O fondo medirase en perpendicular á aliñación. Por último, no caso das plantas altas, danse tres situacións:
a) Edificios existentes de fondo superior os 20 metros: manteranse os fondos cos que contan na actualidade.
b) Edificios existentes de fondo inferior os 20 metros: o fondo máximo edificable será de 20 metros dende a aliñación, medidos en perpendicular á mesma.
c) Parcelas e solares sen edificar: establecese un fondo máximo de 20 metros con carácter xeral. Este fondo quedará reducido a 15 metros cando se trate de parcelas e solares resultantes de procesos de equidistribución en que se estableceu ese parámetro. O fondo medirase en perpendicular á aliñación.
En todo caso os fondos edificables establécense de forma gráfica nos planos de ordenación.











