Os traballadores da Administración de Monforte dependerán da Delegación de Lugo
O pasado 20 de marzo o alcalde de Monforte solicitou unha entrevista urxente co Delegado Especial da Axencia Tributaria en Galicia, José Luis Rodríguez.
Despois de manter unha conversa telefónica con Severino Rodríguez, o Delegado Especial ofreceulle a posibilidade de entrevistarse co Delegado na provincia de Lugo, José María Núñez, posibilidade que o Alcalde aceptou.
O pasado martes día 26 de marzo José María Núñez desprazouse a Monforte para falar con Severino Rodríguez, encontro no que lle manifestou que a reorganización que vai levar a cabo a AEAT implicará que traballadores da administración de Monforte pasarán a depender funcionalmente da Delegación de Lugo, aínda que o seu posto de traballo seguirá estando en Monforte.
O Alcalde manifestoulle que con esta medida dábase o primeiro paso para que a Administración monfortina quedase sen servizos e sen postos de traballo. Severino Rodríguez lembroulle que durante a etapa de goberno socialista xa se intentara poñer en práctica unha medida similar e que, naquel momento, a Corporación Municipal de Monforte manifestara o seu rexeitamento á citada medida. O Alcalde indicoulle a José María Núñez que, por este motivo, volverá levar ó pleno unha moción defendendo os servizos e os postos de traballo que existen actualmente na Administración de Monforte.
Severino Rodríguez díxolle que tanto el como as forzas políticas e sociais estarían alerta ante calquera medida que prexudique ó servizo da Administración da AEAT en Monforte e ós seus traballadores/as.
A petición de Severino Rodríguez estaba motivada pola publicación, no Boletín Oficial do Estado do día 16 de febreiro, dunha Resolución da presidencia da AEAT pola que se establecía unha nova estrutura e organización territorial do citado organismo tributario. O Alcalde quería unha explicación sobre como vai afectar a citada Resolución ós servizos e traballadores da Administración da AEAT en Monforte.
A citada Resolución indica, respecto das Administracións da Axencia Tributaria entre as que se atopa a de Monforte de Lemos, que “ se garantiza un nivel adecuado en los servicios de información y asistencia que se prestan a los ciudadanos”.











