Os Museos Científicos Coruñeses abrirán o público durante toda a Semana Santa
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, destaca que a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae estarán abertos durante toda a Semana Santa, do 25 ao 31 de marzo.
A Casa das Ciencias e a Domus permanecerán abertas durante Semana Santa de 11.00 a 19.00 horas, mentres que no Aquarium Finisterrae será de 11.00 a 20.00 horas (o acceso péchase unha hora antes). Os visitantes poderán coñecer as novidades máis recentes en cada un dos centros. Así, na Domus encontrarán a exposición interactiva Juego de neuronas, sobre a intelixencia humana, na que se exploran diversos aspectos da anatomía e funcionamento do cerebro. Propón actividades que poñen en práctica as diferentes habilidades das persoas, como intentar reproducir nun teclado unha melodía, realizar un debuxo seguindo instrucións verbais, ou probar os reflexos e a axilidade nun panel con interruptores a diferentes alturas que hai que tocar cando se acenden.
Na Casa das Ciencias remátase tamén de estrear o programa do Planetario Enerxía para a vida, no que se aborda a importancia das enerxías renovables, pero tamén fala dos combustibles fósiles e da enerxía nuclear. As espectaculares animacións a toda cúpula permiten ao público voar sobre os rañaceos de Manhattan, introducirse no interior da cheminea dunha central térmica, viaxar aos confíns da galaxia ou internarse nun aeroxerador. Durante a Semana Santa haberá sesións deste programa ás 13.00 horas.
Ademais, a dobre sesión de planetario en directo, habitualmente o último sábado de mes, adiántase en marzo a mañá, sábado día 23: ás 11.00 horas, O ceo para informados, sesión para afondar nos coñecementos astronómicos; e ás 12.00 horas, El ceo do mes, para iniciarse na observación do ceo.
Tamén o Aquarium Finisterrae ofrece aos seus visitantes novidades como a recente incorporación de lampreas ao tanque cilíndrico, na sala Maremagnum. Cara a mediados de Semana Santa as lampreas recibirán a compañía dunha pequena poboación de esturións.
O Aquarium ademais inclúen nas súas actividades diarias a alimentación das focas, que comen todos os días ás 11.30 e 17.00 horas, momento no que se convoca ao público e se lle ofrece unha charla divulgativa sobre estes animais. Tamén o luns, mércores e venres, ás 12.00 horas, se pode ver como se lles dá de comer ás quenllas da piscina do Nautilus.











