Os departamentos de Participación Cidadá e Cultura dan conta dunha batería de próximas actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
A rexedora xunto ás concelleiras

A rexedora xunto ás concelleiras

As concelleiras mosenses Kely Monzón e Sara Cebreiro deron hoxe conta durante unha comisión informativa das concellerías de Educación, Participación Cidadá e Cultura, celebrada esta mañá no Concello, dunha serie de actividades que dende estes departamentos municipais se van a realizar próximamente.

Ditas iniciativas consisten nunha visita á Mostra do Encaixe de Camariñas para as palilleiras de Mos que terán a oportunidade de palillar durante esta mostra, dous espectáculos que acollerá o auditorio do Multiusos dentro do programa Noites Vivas, e dúas charlas informativas: unha sobre o xadrez e outra sobre os exames oficiais de lingua inglesa.

Sobre a visita a Camariñas, a concelleira delegada de Cultura, Sara Cebreiro, explicou que “en vista do interese de esta actividade solicitada en varias ocasións polas palilleiras de Mos se propuxo a organización dunha visita á XXIII Mostra-Exposición do Encaixe de Camariñas, para que ditas palilleiras das distintas asociacións veciñais de Mos poidan participar nela”. A viaxe realizarase o día 30 de marzo e as palilleiras mosenses interesadas en participar teñen ata o día 21 para incribirse, sendo a lista de beneficiarias eleborada seguindo a rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Mos. O prezo desta viaxe por cada palilleira é de 15 euros.

Os espectáculos incluídos no programa Noites Vivas da concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón consistirán en sendas actuacións de maxia e monógolo a cargo do Mago Berto e do monologuista, Julio Cela, respectivamente. Esta actividade celebrarase o día 22 de marzo no auditorio do centro Multiusos das Pozas, na parroquia de Petelos, en horario de 20.00 horas a 21.30 horas. A entrada será libre e gratuita.

Por outra banda Monzón, como concelleira delegada do departamento municipal de Educación, informou tamén da organización de dúas charlas, unha sobre o xadrez e outra sobre probas oficiais de nivel de lingua inglesa. A charla sobre xadrez será impartida polo “Club Xadrez Lucena”, que presentará a actividade da xadrez como un deporte milenario que coa súa práctica proporciona importantes beneficios ós xogadores. Preténdese con esta actividade sondear a viabilidade de poder impartir clases deste deporte nalgunha asociación, e que os xogadores mosenses poidan practicar no municipio sen ter que desprazarse ata o veciño concello de Vigo como agora mesmo teñen que facer. Esta charla está dirixida a diferentes colectivos como asociacións culturais, veciñais, ANPAS, etc.; e será impartida por Roberto Páramos Domínguez (Presidente do Club de Xadrez Lucena) e o monitor mosense Brais Otero Nogueira, destacado mozo xadrecista no panorama nacional. A actividade será de acceso libre e totalmente gratuita e celebrarase o 14 de marzo ás 20.00 horas no CDL, Centro de Desenvolvemento Local, de Mos.

E por último, a edil de Educación informou na comisión desta mañá da organización dunha charla informativa sobre os exames oficiais e internacionais de lingua inglesa que será impartida por “ACTEX, S.L.” e na que se darán datos sobre as probas “Triniti College”  ademais de ofertar un programa de “Inmersión Lingüística en Swanage”  (Inglaterra) que consistirá nunha viaxe na que practicar o idioma durante un período de sete ou quince días, a elixir. Con esta charla preténdese informar ós interesados do procedemento de inscrición para a realización dos exames internacionais de “Trinity College”, así coma dos distintos niveis ou grados e as convalidacións. O acceso a esta charla é libre e gratuito e ACTEX proporcionará para a mesma ao persoal especialista para impartila o día 21 de marzo ás 20.00 horas no CDL mosense.

13 de marzo de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.