Os concellos da Comarca de Santiago crean un grupo de traballo para incentivar o turismo

Instante da reunión dos concelleiros de turismo
“Pareceunos interesante reunir por primeira vez a estes concellos, que tamén son parte do turismo de Santiago”, indicou Reyes Leis. Así, apuntou como obxectivo no que traballar conxuntamente o de “reforzar o atractivo turístico do destino con opcións de escapadas de lecer, natureza, gastronomía e patrimonio”.
Outra das metas é a de aumentar as pernoctacións na área de Santiago, sumando atractivos turísticos das proximidades. Nesta mesma liña, a concelleira aposta porque esta unión contribúa á desestacionalización, coa creación de produtos de interese específico segundo a temporada: camelias, Entroido, gastronomía de temporada…
Na reunión tamén se falou do aeroporto de Lavacolla. Preténdese que os concellos da comarca formen parte tamén da alianza estratéxica que traballe en prol da defensa do aeródromo compostelán e da mellora da súa conectividade.
Ademais da concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, participaron na reunión os alcaldes de O Pino, Manuel Taboada; e de Trazo, José Dafonte; e os edís de Turismo de Ames, Bernardo Moar; Boqueixón, Adela Redondo; Brión, Alberto Álvarez; Oroso, Jaime Carneiro; Teo, Anxo Rei; Touro, Ignacio Codesido; Vedra, Manuel Costa; A Estrada, Óscar Rancaño; Vila de Cruces, Jose Luis Villaverde; e Silleda, Matías Rodríguez, ademais de técnicos dos municipios implicados. O alcalde compostelán, Ángel Currás, pasou tamén a saudar e conversar brevemente cos participantes na reunión.











