Os alcaldes da Mancomunidade manifestan o seu apoio a Asfedro e aos afectados polas preferentes
O alcalde de Ferrol e presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou de que os rexedores deste organismo supramunicipal acordaron impulsar sendas declaracións de apoio a Asfedro e ás persoas afectadas polas preferentes. Así se decidiu na reunión ordinaria do pleno da Mancomunidade que tivo lugar esta tarde nas dependencias da Casa Consistorial ferrolá. Os primeiros edís dos municipios do contorno da ría elaborarán un texto común de respaldo tanto á entidade social ferrolán, centrada en atender ás persoas con problemas de drogadicción, como aos cidadáns que teñen os seus aforros investidos nas preferentes e os queren recuperar.
Así mesmo, a Mancomunidade deu luz verde a prorrogar por dous anos máis o contrato de xestión de residuos voluminosos, servizo mancomunado que leva a cabo dende o ano 2011 a empresa Reciclaje de Inertes del Noroeste S.L (Recinor). Así mesmo, a Mancomunidade tamén subscribiu un apoio á candidatura de Pantín como Reserva Mundial do Surf (World Surfing Reserve), e ratificar a solicitude de subvención ao Ministerio de Defensa por valor de 10.000 euros para facer un estudo da situación das baterías militares da ría, como paso previo para a súa posta en valor.
No que atinxe á xestión de residuos voluminosos, os rexistros da empresa concesionaria apuntan a un descenso na cantidade de refugallos que son entregados polos Concellos na planta que Recinor ten na estrada de Catabois. En concreto, no ano 2010 –antes da contratación mancomunada- a cantidade de voluminosos xestionada superaba as 1.800 toneladas anuais, mentres que en 2012 non se alcanzan os 1.600. Ademais, a Mancomunidade subscribiu a candidatura de Pantín como Reserva Mundial de Surf, unha aspiración que O Club de Surf Praia de Pantín fundamenta, fundamentalmente, na calidade e consistencia da onda, pola cultura e historia da práctica do surf neste arenal e polas características medio ambientais únicas que presenta esta zona.
Baterías defensivas e canceira
Noutra orde de cousas, o organismo supramunicipal ratificou a solicitude ao Ministerio de Defensa dunha achega económica de 10.000 euros para facer un estudo sobre as baterías defensivas que están espalladas neste contorno xeográfico. Esta liña de subvencións enmárcase nun programa da Administración central para promover a cultura da defensa, fomentando o seu coñecemento como elemento esencial para garantir a seguridade do país e dos seus cidadáns.
Por último, os alcaldes deixaron sen pechar, a expensas de novas modificacións, o convenio de colaboración para a prestación do servizo de recollida de animais domésticos abandonados. Un servizo que vai parello á xestión do centro de recollida de animais domésticos abandonados de Ferrol, o refuxio de Mougá.











