Ortigueira acollerá tres cursos do programa de fomento do emprego Rede Xiana 2
Ortigueira será sede de varias das acción formativas programadas por Deputación da Coruña no marco do proxecto Rede Xiana 2 (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego). Os cursos estarán dirixidos a persoas desempregadas de calquera dos concellos da comarca do Ortegal, así como doutros municipios veciños.
O Concello de Ortigueira colaborará na iniciativa, cofinanciada pola entidade provincial e máis polo Fondo Social Europeo, achegando as instalacións municipais nas que se desenvolverán ata tres das actividades do proxecto, que contribuirán a mellorar as condicións de empregabilidade das mulleres e homes participantes.
Apúntase dende a Concellería de Benestar Social que as accións a desenvolver na localidade serán un curso de “Alfabetización dixital”, un de “Busca de emprego e novas tecnoloxías”, que apostará por familiarizar ao alumnado coas ferramentas e servizos dispoñibles en internet para a busca activa dun traballo e, finalmente, un curso sobre igualdade de oportunidades.
Todas estas accións, que está previsto que comecen antes do verán, estarán dirixidas a veciños/as que se atopen en situación de desemprego sexan dos municipios de Ortegal (Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira) ou das localidades próximas como Cedeira, Moeche e As Somozas, abríndose o prazo de inscrición no mes de abril.
As persoas participantes formarán parte dos itinerarios formativos e de inserción laboral previstos no proxecto Rede Xiana 2, a través dos cales poderán recibir a formación adecuada ás súas necesidades de cualificación e a orientación e titorización individualizada de xeito permanente ao longo de todo o itinerario.
O obxectivo final desta iniciativa, sobre a que poderán ter toda a información contactando cos Servizos Sociais de Ortigueira (Tlf. 981402542) non é outro que acadar unha maior profesionalización das persoas desempregadas que facilite, na medida do posible, a súa inserción no mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social, en virtude do Pacto Provincial polo Emprego Responsable na provincia da Coruña, asinado polos 91 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que participan no proxecto Rede Xiana 2.











