Oroso organiza un curso de fotografía e outro de graffitis dirixidos a xóvenes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

A Concellería de Xuventude e a Oficina Municipal de Información Xuvenil organizan un curso de fotografía e outro de graffitis dirixidos a mozos e mozas de entre 15 e 22 anos empadroados en Oroso. Os cursos terán lugar durante os meses de abril, maio e xuño e o prazo de inscrición remata o vindeiro 3 de abril.

O curso de fotografía terá lugar os sábados, de 11:00 a  13:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. O seu custe é de 20 euros mensuais e nel os alumnos aprenderán a sacarlle o máximo partido ás súas cámaras reflex, aprendendo a manexar a profundidade de campo, a lonxitude focal ou os distintos tipos de velocidades que ofrece a cámara.

No caso do curso de graffiti, as clases terán lugar os venres, de 17:30 a 19:30 horas. O prezo é de 23 euros mensuais e nas clases os alumnos aprenderán as técnicas do spray, participarán nun obradoiro de gorras trucker e crearán un graffiti colectivo nun lugar habilitado en Sigüeiro. En ambos casos, o prazo de inscrición remata o 3 de abril. Máis información no centro cultural ou no teléfono 981 690 903.

Día da Xuventude

Por outra banda, o Concello de Oroso celebrará o vindeiro xoves 28 de marzo o “Día da Xuventude” cunha gran festa na alameda de Góis (Sigüeiro). A festa comezará ás 19:00 horas, cun pasarrúas a cargo da asociación cultural Néboas no Cumio. A partir das 22:00 horas haberá unha gran verbena a cargo das orquestras Olympus e Canadá, así como as actuacións dos DJ´s Marcos Magán e Manu López e da cantante ordense Tania Veiras.

A festa terá lugar na alameda de Góis, onde haberá instalada unha carpa e polbeira. O Día da Xuventude está organizado polo Concello de Oroso, en colaboración coa asociación cultural Néboas no Cumio e coa Comisión de Festas de Sigüeiro.

22 de marzo de 2013 | 20:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.