Ordes conmemorará o 8 de marzo cunha xornada sobre cooperativismo e as mulleres
Co gallo do Día Internacional da Muller, que se celebrará este vindeiro venres 8 de marzo, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes levará a cabo unha serie de actos coa fin de conmemorar a loita da muller pola súa participación e igualdade de xénero na sociedade e no seu desenvolvemento como persoa. A primeira medida adoptada polos representantes dos sete concellos que a conforman é a de celebrar unha xornada baixo o epígrafe ‘O cooperativismo: unha fórmula de emprego válida para as mulleres’. Manuel Pena, técnico da Oficina de Fomento de Cooperativas da Comarca de Ordes será o encargado de levar a acabo esta actividade no salón de plenos de Ordes a partir das 10.30 horas. Tamén o Centro Cultural Fernando casas e Novoa de Oroso albergará esta mesma xornada, que neste caso correrá a cargo de Ana Lorenzo Vila e María del Carmen Liste Raña, técnica de fomento cooperativo da Consellería de Traballo, Dirección Xeral de Emprego e Economía Social e a concelleira de Muller, Sanidade, Familia e Igualdade respectivamente. Pola súa banda o Concello de Frades ten previsto unha xornada informativa sobre os dereitos e recursos para a igualdade entre mulleres e homes. Unha charla impartida por membros do Centro de Información á Muller da Mancomunidade e que terá lugar no multiusos municipal ás 13 horas tamén o próximo venres.
A Mancomunidade de Ordes tamén vai decidiu apoiar a campaña One Woman, desenvolvida por ONU Mulleres. Ésta consiste na difusión da canción “Unha Muller”, escrita por varias artistas internacionais, como homenaxe ao traballo de mellora na vida das mulleres e na erradicación da violencia de xénero. Nela recórdase que si todas as persoas se unen poden superarse tanto a violencia de xénero como a discriminación. Tanto en Radio Ordes como nas redes sociais e páxinas web municipais e da Mancomunidade se poderá escoitar dito tema musical.
A partir das 19.30 horas o grupo Duende Sico representará un espectáculo, dirixido principalmente ao público adolescente, no centro cultural Fernando Casas e Novoa. Posteriormente darase a coñecer o fallo do concurso fotográfico ‘Muller traballadora’, que xa vai pola terceira edición. Dirixido tanto a afeccionados como a profesionais con esta iniciativa preténdese exaltar e recoñecer a profesionalidade e o esforzo das mulleres no eido profesional. Á par inaugurarase no centro Fernando Casas e Novoa a mostra realizada con todos os traballos presentados e que poderá visitarse ata o 29 de marzo. Este ano o Concello de Oroso destina 500 euros en premios a repartir entre os tres primeiros clasificados.











