Obradoiro de igualdade “Quero ser astronauta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, motivo polo cal dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte realizamos unha actividade coeducativa para o alumnado dos centros de ensino de primaria, proseguindo coas actividades realizadas no primeiro trimestre deste curso 2012-2013 co alumnado de 5º de educación primaria.

Neste segundo trimestre, decidimos continuar cun Obradoiro de Educación en Igualdade “QUERO SER ASTRONAUTA” xa que, aínda que na actualidade vivimos nunha sociedade que vela pola igualdade de oportunidades para mulleres e homes, na vida cotiá continúan manifestándose condutas sexistas, moitas delas inconscientes, que discriminan de novo ás mulleres.

Para poder cambiar esta situación debemos traballar na educación da cidadanía en todas as etapas da vida, dende a infancia ata a terceira idade. Pensamos que unha boa forma de traballar en contra do sexismo é con actividades coeducativas dirixidas  ás nenas e aos nenos para que aprendan a respectarse, a valorarse e a convivir en ambientes de igualdade e de non discriminación.

É por isto que desde o CIM de Monforte impartimos este obradoiro de coeducación na semana do 4 ao 8 de marzo nunha sesión de 90 minutos en horario lectivo.

O obxectivo do obradoiro é sensibilizar ao alumnado na igualdade de xénero, para que nenas e nenos analicen as súas ideas, desmonten os seus estereotipos de xénero, se encamiñen cara o bo trato e eviten calquera tipo de discriminación.

Para acadar este obxectivo farase uso dunha metodoloxía grupal, usando ferramentas pedagóxicas tan significativas como son o material audiovisual e o xogo, tentando facer chegar a nenos e nenas unha mensaxe que favoreza a reflexión sobre a igualdade de xénero e facilite cambios de comportamento positivos.

O obradoiro desenvolvese en tres partes:

1.Vídeo: “Quero ser astronauta” (25 minutos).

2.Debate sobre as ideas que se reflicten nel (30 minutos).

3.Actividade “Voando xuntos e xuntas” (35 minutos) na que os nenos e nenas terán que desenvolver a súa imaxinación, poñéndose nun papel pouco habitual como é o de ser astronauta e afastándose, deste xeito, da súa realidade inmediata e dos estereotipos e roles de xénero asociados a esa realidade. Esta situación facilitaralles comprender que nenos e nenas poden facer as mesmas cousas e que, polo tanto, mulleres e homes debemos ter as mesmas oportunidades.

7 de marzo de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.