O XIV Salón do Libro de Pontevedra pecha cun balance de preto de 26.000 visitas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Un ano máis e sen case decatarnos, o Salón do Libro chegou ao seu fin. Tres semanas nas que a actividade foi máis que intensa e moitos os obradoiros, contacontos, espectáculos, concertos e visitas que tiveron lugar ao longo delas.

A derradeira xornada iniciábase coa visita de máis de 70 amigos/as que se achegaron dende Guitiríz en tren para visitarnos e participar no acto de homenaxe que se celebrou ás 12:00 horas. A autora Marilar Aleixandre foi a escollida nesta edición e na súa presenza, Fina Casalderrey fixo un precioso discurso de loanza no que, ademáis das cualidades de Marilar como escritora, destacou vivenzas persoais froito da amizade que as une.

Unha emotiva aperta deu paso á intervención da autora homenaxeada que contou coma se iniciara no amor pola lectura á idade de 3 anos e medio. E pouco máis tarde tamén na escritura. Marilar agradeceu que mantivéramos tan vivo este espazo que da cabida á imaxinación e ás historias, historias como “O soldadiño de chumbo” que segundo comentou é a proba de que os nenos/as poden gozar con contos tristes, sen aderezos.

Por último foi a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro a que agradeceu a labor dos/as que cada ano co seu traballo fan posible o Salón, e a importancia de manter nestes tempos un proxecto cultural desta índole, aberto a todos, e que promete estar de volta aínda con máis forza o ano que ven.

Puxo o broche ao acto, ao que asistiron Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado, Francisco Castro (Ed. Galaxia), representantes de AELGA, Gálix, diferentes editoriais, concelleiros e exconcelleiros, etc a Orquestra de Cámara de Lira que interpretou varias pezas, algunhas delas con Órbil.

Ao chegar a tarde, viñeron o obradoiro “Títere Hop” de Viravolta, para nenos de 13 a 17 anos no que os asistentes crearon títeres ao mesmo tempo que aprenderon técnicas de hip hop, mentres os máis pequenos/as e as súas familias encheron o Salón de Actos para ver o espectáculo “Ollos de Mel” de Pirilampo.

A 14ª edición chega ao seu fin e pese a durar unha semana menos que a pasada, superou en case 6.000 o número de asistentes, xa que mantivo o mesmo número de actividades. Unha edición na que se consolidaron propostas que se executan duns anos a esta parte como son os pasarrúas, dos “Velocíclopes” e o programado de Os Bolechas que se suspendeu pola choiva, as actividades para bebés, representadas no teatro “Viaxe a Dadá” da Compañía da Semente e “Aupa Leré” de Percumento e os espectáculos deseñados especialmente para o Salón do Libro:  “A cidade das máquinas” con conto inédito e música da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e “Seis Barbudos”, que a partir do conto de OQO Editora, e contando coas poetisas María Lado e Lucía Aldao e a música ao vivo do Seminario Permanente de Jazz foron todo un éxito

As actividades para nenos/as nas Tardes na Sala  tiveron este ano un enfoque máis participativo e ademáis dos exitosos contacontos “Burro- Máquina” de Fantoches Baj, o de O Carballo con Botas “A titiricleta do tiriricleteiro” e o espectáculo “Tiriticircus” de Tanxarina Títeres, apostouse por diferentes obradoiros:  “O Trenciño Rebuldeiro” de Patas de Peixe, “A máquina misteriosa do Océano Pacífico” e “A volta ao mundo en 8 máquinas” de Polo Correo do Vento, “Tromponetas e Ferramentas” de OQO, “Zeppelin”, “A tarde con Jules Verne”, “Tod@s escribimos os poemas do Río”, “A maquichola” de Tegra Gómez Pino, “Constúe a túa máquina robótica” da man de Robocicla e “Os traxes futuristas de Órbil” da Escola de Tempo Libre Paspallás e “Títere Hop” de Viravolta. Non faltaron os contos personalizados de Meubook , os xogos tradicionais e de habilidade “Garabato de xogos” e o Universo Bolechas que achegaron diferentes actividades durante toda una fin de semana.

Todos eles buscando a interacción e participación dos nenos/as ao igual que se fixo nas diferentes presentación das editoriais “Galaxiatales”, “A cidade do Cenoiro” de Galileo Nenos, “A debuxar con Marcopola” de Xerais e “A nena e o grilo nun barquiño” de Folmúsica.

Non faltaltaron un ano máis “Os nenos contadores” que este ano pertenceron ao CEIP San Martiño, Campolongo e o CEP Marcos da Portela e á Xunqueira I.

Os espectáculos teatrais concertados con escolares e en aberto “O soldadiño de chumbo” de Baobab Teatro, “20.0000 leguas de viaje submarino” de Rayuela Teatro, “Seis Barbudos” baseado no conto de OQO Editora para público intantil  e “Románticos”, para público xuvenil de Mofa & Befa, Quico Cadaval e Piti Sanz.  E non só teatro, senón música con “A nena e o grilo nun barquiño” que colgou o cartel de non hai entradas e o teatro xaponés de Kamishibai “As pombas de Carboeiro” de Fantoches Baj  con música da Banda de Música de Pontevedra, “Bicos de Música” de Mamá Cabra e “Ollos de Mel” de Pirilampo.

Os obradoiros e contacontos concertados para os centros colaboradores ao longo de 6 días, os de adultos “Iniciación ao Arduino”, “Querer contar nos contos” e “Creando Ambiente”,  os roteiros guiados “Pontevedra cara o futuro”, as visitas ao Salón e as diferentes exposicións compostas polos traballos de debuxos dos centros, a ambientación da Escola de Tempo Libre Paspallás, a dos membros da AGPI, que organizou tamén una revisión profesional de portafolios da man de Marc Taeger e Jacobo Fernández, Evolutión, a Escola de Canteiros e o CIFP de A Xunqueira e o alumnando do Mestrado de Educación, e a exposición de Sargadelos “Espérame, se é que te vas primeiro” de Cristina Durán e Borxa Guerrero Parapar, remataron de completar a oferta de actividades para todos os públicos e idades.

Dende o Concello de Pontevedra e especialmente dende a Concellaría de Cultura, como xa o fixo a concelleira esta mañá, e a xerencia do Pazo da Cultura, amosan a súa satisfacción co desenvolvemento desta edición, e agradecen a súa implicación como cada ano ao público asistente, as editorias, as compañías teatrais, agrupacións musicais, autores, ilustradores, á organización, e aos medios de comunicación por facer posible este gran proxecto que non podería existir sen todos vós.

25 de marzo de 2013 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.