O remate do Centro de Coñecemento La Molinera dá un paso adiante

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O remate das obras de construción do Centro de Coñecemento “La  Molinera” deu un paso adiante esta mañá coa aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da
certificación-liquidación das obras realizadas pola empresa adxudicataria, Construcciones Gamallo, antes de que abandoara a súa execución. Este paso permitirá ao Concello rematar este novo equipamento, adxudicando a través dunha nova licitación, da parte que resta por executar, equivalente a aproximadamente un 5% do total do proxecto.

A Xunta Local aprobou esta mañá a certificación-liquidación das obras do proxecto básico e de execución do Centro de Coñecemento La Molinera, presentada polos directores facultativos e aprobada pola administración concursal da empresa adxudicataria. Toda vez que existe un saldo favorable ao Concello, no acordo se require á empresa que ingrese ao Concello a cantidade de 31.978,09 euros.

Resolución do contrato

A Xunta de Goberno, o pasado día 10 de xaneiro de 2013, acordou resolver o contrato asinado coa empresa para executar a obra e incoar expediente para liquidar o contrato. Notificado o acordo á construtora, o día 30 de xaneiro tivo lugar unha reunión en obra (dirección facultativa, dirección técnica, administrador concursal e técnico municipal) para proceder á medición do estado actual dos traballos, coa conseguinte liquidación, o que supón o último paso para a liquidación do contrato, que se produciu esta mañá polo acordo da Xunta de Goberno, e a adxudicación a unha nova empresa da parte que falta por executar.

Antecedentes

A construción do Centro de Coñecemento 2012 fora adxudicada a Construcciones Gamallo SLU por acordo da Xunta de Goberno de 8 de novembro de 2011, por 1.098.506,20 euros, IVE incluído. A adxudicataria comprometíase a realizar melloras en obra por importe de 121.208,22 euros e a rematalas antes do 10 de novembro de 2012. Posteriormente, a empresa entrou en dificultades económicas que lle impediron finalizar as obras, que abandoou antes de rematar, e entrou en concurso de acreedores.

No acordo adoptado o día 10 de xaneiro, o Concello acordou resolver o contrato asinado coa empresa contratrista por abandono das obras, o que supón unha obriga esencial do contrato, e incumplir os prazos totais  previstos.

Tamén acordou incautarse da fianza que a empresa depositara no Concello o día 31 de outubro de 2011, para garantir a correcta execución do contrato, polos danos producidos, por importe de 46.546,87 euros.

O Concello requiría tamén á empresa a cantidade de 139.522,58 euros en concepto de danos e prexuízos (cantidade da que se deducirá o importe da garantía incautada). O Concello reclamaba danos e prexuízos por 3 conceptos:

a) Danos por obras deixadas de realizar: A empresa realizou o 97,17% das obras adxudicadas, polo que quedaron sen facer o 2,73% (equivalente a 1.721,87 euros)

b) Danos por non ter realizado melloras: 118.198,71 euros (equivalentes ao 97,17% das melloras ofertadas)

c) Danos por vixilancia do construído para evitar o seu roubo, perda ou deterioro: 19.602 euros

Equipamento para potenciar o acceso dos cidadáns ás novas tecnoloxías

O Centro de Coñecemento, ubicado no edificio de La Molinera, no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, pretende potenciar o desenvolvemento desta
zona e dotar á cidade dun equipamento destinado a potenciar o uso e desfrute dos beneficios das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Achegará aos
cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

O Centro de Coñecemento, que se constrúen co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

14 de marzo de 2013 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.