O punto limpo municipal recolleu un total de 6,5 toneladas de refugallos no pasado mes de febreiro
O Punto Limpo Municipal, situado na estrada de Catabois e xestionado pola empresa Recinor, pechou o mes de febreiro de 2013 cun total de 6.553,58 quilogramos de refugallos recibidos e canalizados para a súa reutilización ou destrución a través de xestores autorizados.
No referido ao tipo de residuos depositados no equipamento medioambiental, encabezan o listado os electrodomésticos con 2.441 quilogramos; os entullos, con 1,535; os metais, con 1.037 e a madeira, con 410 quilogramos recollidos. O resto de tipos de residuos e volume que os veciños de Ferrol entregaron no Punto Limpo Municipal foron, polo seguinte orde e segundo peso recollido: ordenadores, 260 quilogramos; baterías, 195; frigoríficos, 190; aceite mineral, 134,30; voluminosos, 120; aceite vexetal, 90,91; vidro plano, 47; pinturas, 42; PVC, 26; pilas, 13,62; papel-cartón, 5; aerosois, 2,78; radiografías, 1,70; fluorescentes, 1,27; e tóner de impresora, 1 quilogramo.
Outro dato a ter en conta é que no mes de febreiro déronse de alta neste servizo gratuíto para os veciños de Ferrol 83 novos usuarios, o que fai que dende a posta en marcha no ano 2007 do Punto Limpo Municipal o número total de usuarios ascenda a 8.594. Cómpre lembrar, que o horario de funcionamento das instalacións é de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:30 horas; e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas. Coma último dato, salientar que no Punto Limpo Municipal soamente se admiten residuos xerados por particulares do Concello de Ferrol, sempre que non sexan de orixe industrial.











