O punto de información turística de cruceiros entrou en funcionamento co “Oriana”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O novo punto de información do Consorcio de Turismo situado no peirao de Trasatlánticos entrou hoxe en funcionamento co inicio da nova tempada de cruceiros e a chegada do buque Oriana, da navieira P&O, no que viaxaban 1.900 pasaxeiros.

Este punto de información, que foi renovado o pasado mes de xaneiro, forma parte da estratexia do Goberno local de apoiar a Autoridade Portuaria en todo o relacionado co tráfico de cruceiros, respondendo así ao incremento experimentado no número de pasaxeiros durante os últimos anos.

O mostrador reflicte unha imaxe moderna e limpa, outorgando grande importancia á señalética co fin de que os cruceristas poidan encontralo doadamente dende o momento en que chegan á terminal. Este punto está dotado dunha pantalla de vídeo onde, de xeito continuo, se proxectarán imaxes e información útil da cidade durante todos os días que haxa cruceiros. Atendido por dúas informadoras do Consorcio de Turismo, facilítase material específico para este tipo de turistas, como o folleto especial para cruceristas no que se recolle toda a información que este perfil de visitante necesita manexar durante as seis ou oito horas de estanza media na cidade.

Con este novo punto de información turística, o Goberno local pon de manifesto, unha vez máis, tanto a súa colaboración coa Autoridade Portuaria en materia de cruceiros coma a súa aposta por este segmento turístico cada vez máis en auxe na cidade, tal e como o demostran as previsións de cruceristas deste ano, que por primeira vez alcanzarán os 160.000 pasaxeiros, converténdoo no primeiro porto de Galicia.

20 de marzo de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.