publicidade hoxe

O proxecto de dotación de beirarrúas na estrada provincial de Dimo acumula 5 anos de atraso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal
A-
A+

O Concello de Catoira presentou en 2008 á Deputación Provincial de Pontevedra un proxecto elaborado polo arquitecto municipal para a construción de beirarrúas, servizos e supresión de barreiras arquitectónicas e urbanísticas na estrada á Igrexa de Dimo, concretamente no lugar da Menda, vía de titularidade provincial. O Concello comprometíase a asumir o 50 por cento do custo das obras. Cinco anos despois, este proxecto segue sen executarse.

O documento refírese a obras a realizar nunha primeira fase, que comprenden un tramo de 700 metros que carece das condicións mínimas de seguridade viaria e de medidas que favorezan o tránsito de persoas con discapacidade, sen pasos de peóns, sen prazas de aparcamento e con anchos irregulares de beirarrúa –onde a hai-. Coas intervencións previstas no proxecto garántese un espazo que reúne as condicións máis axeitadas para o tránsito e acceso a edificios das persoas con discapacidade. Así, concrétase a execución por ambos lados da estrada de beirarrúas, ramplas, rede de pluviais, canalizacións soterradas para servizos de telecomunicacións, enerxía eléctrica e iluminación pública, dotación de farois de iluminación pública e ensanche do firme asfáltico ata os 9 metros de ancho, entre outras.

Nesta estrada de Dimo, propiedade da Deputación, o firme da calzada está moi deteriorado, polo que o alcalde insta ó departamento que dirixe Rafael Louzán a acometer as obras de asfaltado e creación de beirarrúas nesta vía canto antes, tan necesarias e demandadas polos veciños e usuarios.

22 de marzo de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.