O Programa Integrado de Emprego desenvolverá novas accións de formación ocupacional
O proxecto Lalín Inserta 2012-2013, que vén desenvolvendo a Concellería de Actividade Económica, Comercio e Emprego, en convenio coa Consellería de Traballo e Benestar amplía o prazo previsto de desenvolvemento das accións ata o 31 de maio de 2013 (dous meses máis sobre o calendario inicialmente previsto), logo da correspondente autorización da Dirección Xeral de Emprego e Formación da Xunta.
A responsable municipal, María José Batán, daba a coñecer esta prolongación de prazo explicando “que, deste xeito, con estes dous meses a maiores, trátase de optimizar a execución e o aproveitamento do conxunto de actuacións previstas neste programa para a mellora da empregabilidade, no que están a participar 75 persoas desde finais de novembro pasado”.
Batán sinala que “no marco do Lalín Inserta desenvolvemos ou estamos a impartir formación ocupacional nas tres áreas básicas do programa cun total de 540 horas: área de comercio (140 horas, coas seguintes accións formativas: “atención ao cliente” e “reposición, disposición e acondicionamento de produtos e preparación de pedidos”); área de enerxías renovables (240 horas: “replanteo de instalación de enerxía solar térmica”, “montaxe e instalacións de enerxía solar térmica”, “posta en servizo e mantemento de instalacións solares térmicas” e“montaxe e instalación de caldeiras de biomasa”) e área forestal (160 horas: “apeo e procesado de árbores” e “repoboacións forestais e tratamentos silvícolas”)”.
Neste sentido a concelleira de Actividade Económica anuncia que “dentro deste bloque de formación ocupacional do programa iniciaranse tres novas accións: unha sobre “ensamblaxe de prendas de punto” (80 horas); outra sobre “soldadura TIG e electrodo para tubarías de ferro e inox” (80 horas) e unha terceira sobre “operacións de caixa na venda” (40 horas)”. Así mesmo concreta que “unha vez finalizadas as citadas accións formativas desenvolverase un período de prácticas profesionais non laborais en empresas, cunha duración mínima de 80 horas durante un mes”.
“A formación ocupacional do Lalín Inserta é complementada con cursos e seminarios na área de novas tecnoloxías como un de alfabetización informática (35 horas), desenvolto en decembro de 2012 e outro de busca de emprego a través de internet (8 horas) que tivo lugar en febreiro deste ano; obradoiros de técnicas de búsqueda de emprego (3 talleres de entrevistas de trabajo cunha duración de 8 horas/taller) e outros sobre fomento do autoemprego e o emprendemento”, salienta.
SEMINARIOS DE FOMENTO DO AUTOEMPREGO E EMPRENDEMENTO
“Dentro desta última área, de fomento do autoemprego e emprendemento durante marzo e abril terán lugar cinco novas accións formativas: un seminario sobre “motivación emprendedora” (3 horas); un obradoiro de “elaboración do plan de empresa: estudo viabilidade” (5 horas presenciais e 5 horas de titorías especializadas); outro sobre “administración da empresa: aspectos xurídicos e fiscais” (5 horas presenciais e 5 de titorías); un taller de “xestión financeira e económica” (5 horas presenciais e 5 horas de titorías) e, por último, un obradoiro de “comercialización e marketing”, tamén de 5 horas presenciais e 5 horas de titorías personalizadas”.
“Do que se trata -avanza Batán- é continuar desenvolvendo ata finais do próximo mes de maio dentro deste programa impulsado desde o Concello de Lalín en cooperación coa Dirección Xeral de Emprego e Formación, é continuar impartindo actividades que melloren a empregabilidade dos traballadores/as desempregados/as participantes nas áreas de formación, prácticas en empresas e intermediación que abrangue o Lalín Inserta”.
O PROGRAMA EN NÚMEROS, ATA DÍA DE HOXE
Desde que a finais de novembro o Concello de Lalín, puxo en marcha Lalín Inserta 2012-2013 realizáronse 239 titorías individuais cos/as usuarios/as centradas nas demandas e necesidades de información e orientación detectadas e/ou demandadas polas persoas participantes; xestionáronse 97 ofertas de emprego e enviáronse 154 curriculums e impartíronse máis de 500 horas de formación nas áreas de comercio, enerxías renovables, forestal, novas tecnoloxías e técnicas de búsqueda de emprego”.
“Todas estas cifras actualizadas a día de hoxe lévanos a ter, sempre destacando que se trata de cifras provisionais, 11 insercións laborais de 6 ou máis meses de duración e 4 insercións de menos de 6 meses, polo que estamos a falar de 15 novas contratacións ao abeiro deste programa”. De igual xeito resalta que “dentro do Lalín Inserta se prestou asesoramento individualizado a diversos proxectos de emprendedores, que se están acompañando agora mesmo, e se estableceron contactos con 121 empresas do contorno nos sectores afíns ás competencias profesionais dos participantes polo que consideramos que a valoración do Lalín Inserta 2012-2013 é claramente positiva, en base a datos obxectivos e cuantificables”.











