O primeiro Mercadillo de Segunda Man do Concello de Culleredo congrega a ducias de persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+
Mercadillo

Mercadillo de Segunda Man

O Concello de Culleredo celebrou na mañá de hoxe domingo o seu primeiro Mercadillo de Segunda Man e Labores cun notable respaldo de público.

Foron ducias de veciños do municipio e da comarca os que se achegaron ata a praza de Europa do Burgo para visitar e mercar nos postos que se colocaron ao longo do espazo da praza.

O evento acolleu a 70 postos, de veciños procedentes de Culleredo e diferentes municipios da provincia, coma A Coruña, Cambre, Ferrol, Narón, Ares ou Oleiros. Atopáronse postos de múltiples actividades coma roupa, zapatos, bisutería, artesanía, coiro, cestería, costura, ou vaixela.

Ata a praza de Europa achegouse tamén o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, así coma o concelleiro de Servizos de Dinamización Local, Isidro Taibo, que explica que con esta acción se pretendeu “ofrecer unha oportunidade económica para todos os veciños que a nivel afeccionado desexen vender ou intercambiar as súas creacións”.

O edil destaca a excelente acollida que tivo este mercadillo, a pesar de que se trata da primeira vez que se celebra. “Temos que idear espazos que os cidadáns demandan para poder obter unha rendibilidade moi necesaria hoxe en día”, apunta. Taibo sostén que ademais desta promoción económica, o evento servirá para dinamizar a rúa.

18 de marzo de 2013 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.