O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade visita Aspaber

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocalLocal Portada
A-
A+
VIsta

Visita do presidente de CERMI

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Luis Cayo Pérez Bueno, acompañado do ex presidente de CEPES (Confederación Empresarial Española de Economía Social) e membro do Padroado da Fundación Carlos Martín (que traballa a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual) Marcos de Castro, vén de visitar as instalacións de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) na Brea para interesarse tanto polo seu labor, como polo contrato da entidade co Concello para realizar o servizo municipal de limpeza viaria a través do seu Centro Especial de Emprego. No seu percorrido tamén visitaron o Concello, acompañados pola directora de Aspaber, Dolores Fernández, así como por outros membros da directiva da asociación, e sendo recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; e o Concelleiro de Servizos, Luís Lamas. Cayo Pérez quixo gabar ao Concello polo “valor” que ten manter un contrato con Aspaber UTE para realizar o traballo de limpeza viaria, pero tamén se interesou pola posibilidade de introducir no futuro cláusulas sociais nos pregos de contratación municipais de acordo coa lexislación española e as directrices europeas que así o permiten.

Nese sentido, o presidente do CERMI cre que hai que ir máis aló e avanzar no fomento da contratación de Centros Especiais de Emprego como o de Aspaber para realizar diferentes traballos nas administracións públicas. Puxo como exemplo varias comunidades autónomas que reservan un número específico de contratos cada ano para este tipo de centros sociais; ou a posibilidade de favorecer a contratación de empresas que cumpran co mínimo estipulado de contar cun dous por cento de contratación social. Precisamente a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, interesouse polo asesoramento xurídico que o CERMI ofrece para que as administracións locais poidan avanzar nesta dirección. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, quixo salientar a importancia do movemento asociativo, xa que “Aspaber, ademais de ser unha empresa conta cun compoñente social evidente”. Durante a xuntanza, comentouse así mesmo o traballo que o Concello carballés ten desenvolvido en materia de accesibilidade, como por exemplo coa recente remodelación do CEIP Fogar, ou co recoñecemento a través dun premio outorgado pola Fundación ONCE. Tamén houbo tempo para reflexionar sobre a repercusión da crise en centros como Aspaber, que teñen que mirar cara ao futuro na procura de novas formas de xestión e financiamento. Antes de rematar a visita, Cayo Pérez asinou no Libro de Honra do Concello.

8 de marzo de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.