O premio Nobel de física, Sir Anthony James Legget, visitou Lalín

O rexedor entregando un agasallo ao premio Nobel
O Premio Nobel de Física, Sir Anthony James Legget, visitou hoxe Lalín. Recibiuno no Concello o alcalde, José Crespo, onde asinou no Libro de Honras e despois fixóselle unha breve recepción municipal para a continuación degustar o famoso Cocido de Lalín.
Esta visita enmárcase dentro dos contactos que fai o rexedor lalinense para traer a persoeiros singulares para que, de paso que visitan Galicia por outros motivos, podan coñecer Lalín e a súa gastronomía.
Crespo indica que “neste caso teño que agradecerlle ao catedrático de Física, Jorge Mira, que nun acto que coincidimos en Vigo lle comentei, ao igual que traía en diversas ocasións varios Premios Nobel a Santiago, que nos botase unha man para que coñecesen o noso Cocido”. “Teño que recoñecer e darlle as grazas a Jorge Mira porque o primeiro Nobel que visita Santiago despois da conversa mantida entre ambos os dous, tráeno a Lalín a coñecer o Concello e tamén a nosa gastronomía”.
CONFERENCIA EN SANTIAGO
O xoves, 7 de marzo, ás 20.00 horas, no Auditorio Novagalicia Banco de Santiago de Compostela(Rúa Preguntoiro, 23), Sir Anthony James Legget pronunciará a conferencia “Por que non pode ir o tempo cara atrás?”, á que asistirá o alcalde lalinense, conferencia que se enmarca no programa de divulgación científica 2013 “ConCiencia”, do Consorcio de Santiago da Universidade de Santiago de Compostela.











