O pleno votará os modelos de declaración de bens da corporación
A corporación teense reúnese este luns 25 de marzo para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.
A orde do día recolle a proposta de aprobación dos modelos de declaración de bens e dereitos patrimoniais que deben realizar os concelleiros e concelleiras ó comezo do mandato en cumprimento la lei de bases de réxime local. Estes modelos toman como referencia os aprobados polo Parlamento de Galicia. A proposta da alcaldía recolle a intencionalidade da corporación de publicar estas declaracións na web municipal polo que resultou necesario concretar os datos a incluír na declaración de cara a evitar incluír datos que poidan afectar á privacidade dos membros da corporación.
Outro dos asuntos para o debate será a proposta de darlle o nome de “Marisa Mirás” á Casa Común do lugar da Igrexa, Calo. Esta proposta recolle o espíritu da petición realizada neste senso pola comisión organizadora da homenaxe a Marisa Mirás Gómez. A elección do local vén motivado pola lembranza ás primeiras xuntanzas da Sociedade Recreativa de Calo feitas neste edificio e das que ela formo uparte. Marisa Mirás, faleceu hai dous anos.
Na sesión tamén comparecerá o concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, a petición do PSOE quen responderá sobre a xestión da súa área de goberno, especialmente nas actuacións realizadas nos Tilos.
Dende a área de Benestar proponse ó pleno a actualización do IPC das taxas das escolas infantís municipais. En agosto deste ano remata o contrato de xestión actual e nos vindeiros meses sacarase a concurso no novo contrato.
Pola súa banda no pleno tamén se debaterán dúas mocións do BNG. Unha delas a prol da cultura galega na que se propoñen iniciativas que impulsen a actividade cultural do País. A outra moción pide a retirada do anteproxecto de lei da reforma local do goberno do PP no Estado.











