O pleno tratará a modificación de catro ordenanzas fiscais e a derogación doutra
O Concello da Laracha celebrará unha nova sesión ordinaria do Pleno o mércores da próxima semana. Na extensa orde do día están incluídas modificacións en varias ordenanzas fiscais que, a proposta do grupo de goberno, xa foron tratadas pola correspondente Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, presidida polo edil Ramiro Bello.
A modificación da ordenanza fiscal número 1, reguladora das taxas por expedición de documentos administrativos, ten por obxecto eliminar o imposto pola tramitación de licencias para a realización de operacións de depósito, carga e transporte en vehículos de madeira procedente da tala. Este cambio vén motivado porque a nova Lei de Montes de Galicia exime esas operacións da necesidade da licenza, xa que se someterán directamente á citada lei. Neste sentido, á sesión plenaria tamén será elevada a modificación da ordenanza municipal reguladora de plantacións forestais, depósito, carga e transporte de madeira de tala para adaptala ao novo marco normativo.
O cambio na ordenanza fiscal número 7 suporá o incremento do IPC (2,3%) nas tarifas do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, o que foi solicitado pola empresa concesionario tal e como se establece no contrato de xestión das instalacións. O aumento no prezo dos abonos será dunha media duns 50 céntimos mensuais.
En canto á número 15, reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI), o goberno municipal proporá ao Pleno eximir desta taxa aos bens que albergan os centros sanitarios públicos da Laracha e de Caión.
A proposta de modificar a ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (número 16) ten por obxecto eliminar o prazo para presentar a correspondente documentación aos beneficiarios da exención a favor de vehículos a nome de persoas con limitacións ou mobilidade reducida. De aprobarse o cambio no texto, non haberá límite temporal para a realización dese trámite, que actualmente debe realizarse antes do 15 de outubro.
Por último, proporase a derrogación da ordenanza fiscal nº 24 reguladora da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local polas empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil, que fora aprobada polo Concello da Laracha en xaneiro de 2010, establecendo unha taxa do 1,5% dos ingresos brutos da actividade que as compañías contribuíntes desenvolvesen no termo municipal.
Esta ordenanza foi recorrida ante a xurisdición contencioso administrativa por France Telecom España, S.A. e por Telefónica Móviles España, S.A., fallando o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a estimación parcial dos recursos, polos que se anulan os artigos referidos ao feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e cota tributaria da ordenanza, elementos substanciais do tributo sen os cales é imposible a súa exacción, motivo polo cal se propón a supresión da taxa.











