O pleno municipal aprobará mañá a cesión da xestión do camposanto parroquial da Penela
O Concello de Oroso aprobará mañá xoves 21 de marzo a cesión da xestión do camposanto rural parroquial da Penela aos veciños e veciñas da parroquia de Oroso. Para iso, o pleno municipal alterará a cualificación xurídica do camposanto, desafectándoo do dominio de público e cualificándoo como ben patrimonial. Así mesmo, o pleno municipal aprobará a expropiación dos terreos precisos para a execución das obras de preinstalación de alumeado público e zonas peonís no vial que une os núcleos rurais de Vilalbarro e O Cruceiro coa estrada N-550, ao seu paso pola parroquia de Oroso.
A sesión terá lugar ás 10:30 horas. A elección desta hora, non habitual para as sesións plenarias, radica en dar resposta a unha petición do CEIP Oroso, que solicitara poder asistir cos cativos de 4º de Primaria ESO a unha sesión plenaria para que puidesen coñecer in situ o funcionamento dun Concello. Os cativos serán recibidos polo concelleiro de Ensino, Antonio Leira, que lles explicará o funcionamento do Concello e como se desenvolven os plenos municipais.











