O pleno de Tomiño aprobou por unanimidade a posta en marcha da futura escola infantil de Goián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Sesión plenaria

Sesión plenaria

A Corporación Municipal de Tomiño, reunida onte en pleno, aprobou por unanimidade, a aprobación dun expediente de modificación de crédito por importe de 244.000 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais, para a cofinanciación da construción da escola infantil de Goián. Asemade, os concelleiros e concelleiras aprobaron por unanimidade a “proposta da Alcaldía para a posta en marcha da escola infantil de Goián e sinatura do convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar”.

A sesión plenaria urxente produciuse despois de que a Xunta de Galicia comunicara ao Concello a decisión de incluir a devandita escola dentro do Plan Educa3, do Ministerio de Educación, e xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Como o proxecto constitúe unha vella aspiración do goberno local de Tomiño, que se remonta ao ano 2007, o Concello aceptou o requirimento de aportar o 40% do investimento, ademais de ceder os terreos e a antiga casa médica en Goián, que se destinara para tal fin hai varios anos.

A nova escola infantil situarase nesta parroquia, aínda que as 61 prazas dispoñibles serán para nenos e nenas de 0 a 3 anos de toda a localidade.

As novas prazas virían a sumarse ás 46 xa existentes na Escola Infantil de Tomiño, co que o concello disporá dun total superior ás 100 prazas.

A obra ten un orzamento de 610.000 euros e responde a unha necesidade real da poboación, que na actualidade achégase aos 14.000 habitantes, dos cales 470 teñen entre 0 e 3 anos.

22 de marzo de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.