O pleno de Ribadumia debate a aprobación da RPT e do convenio colectivo dos traballadores
O grupo de Goberno de Ribadumia presenta esta noite á oposición a relación dos postos de traballo, o convenio colectivo e o acordo regulador das condicións laborais aprobadas esta mesma semana co apoio unánime dos sindicatos CCOO, UGT, CSIF e CIG e representantes do persoal. Trátase de tres documentos que son de especial importancia para garantir a modernización, a racionalización e a ordenación da estrutura administrativa e dos recursos humanos municipais, e que permiten a Ribadumia poñerse á cabeza dos concellos galegos en aprobalos tras a recente reforma laboral.
Unha vez acadado o acordo cos sindicatos e traballadores, só queda pendente a ratificación final por parte do pleno municipal esta noite, último paso para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor.
Outro dos puntos incluídos na orde do día é a adxudicación da xestión indirecta da Escola Municipal Infantil 0-3 anos á Asociación Escolar de Educación Infantil Querubines. O importe da adxudicación é de 203.431,69 euros anuais, e a duración do contrato será de catro anos, con dous anos máximos de prórroga. Os criterios de adxudicación primaron tanto a calidade do servizo como a mellora no prezo.
Por último, o Grupo de Goberno proporá como asunto de urxencia -que non está incluído na orde do día- a aprobación provisional da modificación puntual do planeamento urbanístico coas propostas presentadas por Patrimonio. Esta modificación puntual estaba aprobada provisionalmente na sesión de maio de 2012. Recibíronse unhas propostas de Patrimonio que foron incluídas, polo que é preciso volver a aprobar o documento.
O que se aproba é unha modificación puntual no ámbito de aplicación e do núcleo urbano de Barrantes ao núcleo urbano de Ribadumia, co obxectivo de adaptar a ordenanza á realidade física e urbanística actual da zona, pasando de solo de núcleo rural a solo de urbano, xa que conta con todos os servizos, urbanización, zona arborada, aparcamento… que a definen como unha travesía urbana. Unha vez aprobado provisionalmente, remitirase á Xunta de Galicia para aprobalo de xeito definitivo.











