O pleno de Ordes modifica o uso da praza de abastos para a creación dun centro de emprendemento empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+
Instante do pleno

Instante do pleno

A corporación municipal de Ordes aprobou por unanimidade no pleno de onte a modificación do uso da parcela onde se ubica a praza de abastos. Así pasará a ter categoría de equipamento de abastecemento e suministración co uso complementario técnico administrativo. Un trámite imprescindible para poder instarlar na segunda planta deste inmoble un centro municipal de emprendemento. Un proxecto que o PSOE demandara anteriormente durante a sesión plenaria do pasado mes de novembro.

Precisamente foron os socialistas os encargados de abrir a rolda de mocións que ocupou a maior parte do tempo. A súa solicitude de retirar o anteproxecto de lei da reforma da administración local presentada recentemente polo Goberno Central foi aprobada grazas aos votos de UXO, PSOE e Cidega. Neste punto os populares non viron prosperar a súa emenda trasaccional na que se instaba ao Goberno para que o texto sexa elaborado tendo en conta as aportacións feitas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Nel tamén se precisaba que as novas suxestións se trasladen tanto a este ente como á Federación Española de Municicpios e Provincias (FEMP).

O PSOE tamén solicitou a aprobación dunha declaración que insta, entre outros puntos que afectan directamente ás mulleres, á derogación da reforma laboral, ó emprendemento de politicas igualitarias e promocionais no ámbito laboral, á erradicación das desigualdades laborais,  ó cumprimento da lei actual da saúde sexual e afectiva, á derogación das taxas xudiciais e ó aumento dos dereitos recollidos na lei de promoción de autonomía persoal e persoas en situación de dependencia. Novamente os socialistas contaron co apoio de UXO e Cidega para sacar adiante esta medida, mentres que o PP votou en contra. Tamén neste tema os populares presentaron unha emenda transaccional que non prosperou. Argumentando que a dos socialistas abordaba distintos temas que deberían ser tratados individualmente, o texto do PP instaba ao Goberno a seguir priorizando nos orzamentos o gasto social e en políticas para acadar a igualdade entre homes e mulleres. Nos obxetivos incídíase en errradicar a violencia de xénero e a conciliación da vida familiar e laboral.

O punto no que se ían abordar as exencións e modificacións fiscais propostas polos socialistas pospúsoxe. Esta decisión tomouse co fin de poder abordar estas medidas nunha comisión, así como a de poder analizar detidamente o informe emitido a este respecto dende o departamento de Intervención.

No turno do Partido Popular presentouse unha moción para instar aos concellos galegos a abordar un plan de igualdade similar ó que ten en marcha o Concello de Ordes. Tmén se insta á Xunta e ao Goberno Central a emprender programas de apoio empresarial orientado ás mulleres, así como medidas que erradiquen as desigualdades salariais. En palabras da popular Susan Mosquera o orzamento da Xunta nestas materias incrementouse nun 14% para este ano chegando a case 1 millón de euros, dato que foi rebatido tanto polo voceiro socialista Xesús Pedreira como pola tenente alcalde, Silvia Marín. Como exemplo Marín mencionou a reducción en arredor dun 50% das axudas á conciliación “importe que terán que asumir as corporación municipais co esforzo que elo vai suponer tendo en conta a situación económica actual”. Agás os socialistas que calificaron de “escaso investimento o orzamento empregado nestas áreas en comparación co que investía o bipartito”, todas as demais forzas políticas apoiaron a moción.

As fochas aparecidas recentemente na Rúa O Recreo, a aparición de vertedoiros incontrolados en Montaos e Parada, a limpeza de pistas de concentración parcelaria en Parada, Lesta e Mercurín e a revisión das tasas de auga, lixos e sumidoiros para as Pemes, foron os temas principais dos rogos socialistas. Por parte do PP solicitouse a mellora na sinalización da rotonda do polígono industrial de Merelle así como da rolda Leste. En ambas intervencións o equipo de goberno advertiu que os organismos, entes e equipos responsables de levar a cabo estas tarefas xa estaban advertidos.

Hai que destacar a ausencia de todos os representantes do BNG na sesión de onte, xa que por motivos de saúde ningún dos seus edís pudieron asistir. Para eles, e especialmente para Gonzalo Castro, os membros da corporación ofreceron palabras de apoio. Tamén o PP veu reducido a catro o seu número de concelleiros, xa que por motivos laborais e de saúde dous dos seus membros tiveron que ausentarse da sesión.

1 de marzo de 2013 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.