O pleno aborda a aprobación do orzamento de 2013 e do Inventario Municipal de Bens

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

A sesión plenaria ordinaria do mes de marzo -que se celebra o luns 25- inclúe na orde do día a aprobación do Inventario Municipal de Bens do Concello de Carballo, que recolle a existencia de 16.091 bens por un importe de 262.512.290,05 euros. Desa cantidade, a ampla maioría correspóndese con bens inmobles, xa que hai recoñecidos 7.823 por un valor de 257.430.204,47 euros. O Concello conta con 69 mobles histórico artístico de considerable valor económico, por 290.183,51 euros; así como con 47 vehículos valorados en 356.720,54 euros. O segundo apartado en importancia dentro do inventario é o de bens mobles, como aparatos informáticos, mobiliario, etc., por un importe de 4.386.970,78 euros. Outro dos asuntos que aborda o pleno é o visto bo para o segundo Recoñecemento extraxudicial de crédito do exercicio de 2012 do Concello de Carballo, un mecanismo polo que se recoñecen para o seu pago as facturas presentadas no Rexistro do Concello antes do 31 de decembro de 2012 e que por diversos motivos non se puideron abonar antes do remate do exercicio. O importe é de 37.867 euros, que sumados aos 37.287,36 euros do primeiro recoñecemento de 2012, aprobado nun pleno o 10 de xaneiro, suma un total de 75.155,56 euros, un 88 por cento menos que o importe do exercicio anterior, que ascendía a 482.877,35 euros. Respecto do total do orzamento, o recoñecemento de 2012 supón un 0,39 por cento.

22 de marzo de 2013 | 20:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.