O Planetario incorpora “Enerxía para a vida”, un novo programa para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Visita ao planetario

Visita ao planetario

O tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo director da Casa das Ciencias, Marcos Pérez Maldonado, presentou esta mañá o novo programa do Planetario da Casa das Ciencias da Coruña que leva por título Enerxía para a vida.

“Tras case 30 anos en activo e sorprendendo os coruñeses e coruñesas con propostas orixinais que intentar achegarnos á ciencia de forma divertida, a Casa das Ciencias, a través do seu Planetario, incorpora unha nova produción sobre a relación da nosa sociedade coa enerxía”, asegurou Ana Fernández.
O programa, de 40 minutos, aborda as distintas fontes enerxéticas que utilizamos na actualidade e as que poderían empregarse no futuro. Fálase tanto das enerxías renovables (eólica, soar, hidráulica ou biomasa), como dos combustibles fósiles (carbón, gas natural e petróleo), e da enerxía nuclear, dende a que se produce nas actuais centrais de fisión, ata a que se xerará nas futuras centrais de fusión alimentadas por hidróxeno,” especificou.

O novo programa do Planetario proxectarase en formato de vídeo a cúpula completa (fulldome): “As espectaculares animacións a toda cúpula permitirán ao público voar sobre os rañaceos de Manhattan, introducirse no interior da cheminea dunha central térmica, viaxar aos confíns da nosa galaxia ou internarse nas tripas dun aeroxerador”, subliñou Ana Fernández, quen felicitou á Casa das Ciencias por esta nova incorporación á súa programación.

Enerxía para a vida é unha produción do Planetario de Pamplona adaptada ao sistema do planetario da Casa das Ciencias. Foi financiado parcialmente pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Economía e Competitividade, na convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación. Na súa elaboración colaboraron institucións nacionais e internacionais como os propios Museos Científicos Coruñeses, a Cidade da Enerxía de Ponferrada, o Planetario de Madrid, o Museo das Ciencias de Castela-A Mancha, o Museo da Ciencia de Valladolid, o Museo da Ciencia e a Auga de Murcia, a Universidade Pública de Navarra, a Aula da Enerxía de Castejón, o Museum am Schölerberg de Osnabrück e o Centro de Investigación de Enerxía da UNAM en México.

O programa está dirixido a todos os públicos e pasa a formar parte da programación do Planetario da Casa das Ciencias, proxectándose sábados, domingos e festivos ás 13.00 horas. Enerxía para a vida tamén se proxecta dende hoxe nas visitas escolares ao museo.

20 de marzo de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.