O Museo da Minería de Fontao, un potencial turístico indiscutible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVila de Cruces
A-
A+
Vista aérea de Fontao

Vista aérea de Fontao

Igrexa de Fontao

Igrexa de Fontao

O vindeiro 9 de maio de 2013 cumpriranse 50 anos do peche da actividade extractiva nas minas de Fontao. Aínda que os traballos se prolongaron coa explotación a ceo aberto entre 1968 e 1974, pode considerarse que en 1963 pechase un ciclo onde o xacemento foi explotado con medios técnicos, humáns e financeiros adecuados, que representaron unha oportunidade aproveitada.

Na primavera do ano 2000 nacía o programa piloto para a recuperación integral de núcleos rurais en estado de abandono ou semiabandono, co que o Instituto Galego da Vivenda e Solo buscaba a recuperación de núcleos tradicionais e, con estes, atraer cara os mesmos novos poboadores, principalmente familias novas, que darían un novo pulo social e económico ás zonas especialmente sensibles da xeografía galega.

No traballo de identificación destes núcleos, de inmediato aparece Fontao, testemuña muda ata entón dunha boa parte da historia recente de toda a comarca do Deza.

Incorporar a Fontao ao programa piloto de rehabilitación foi doado. Galicia contaba cunha xoia arquitectónica de mediados do século XX que precisaba una actuación urxente das administracións públicas.

Fontao non responde fielmente ao que é un núcleo rural tradicional, pero son incontables os valores arquitectónicos e históricos que atesoura.

Deste xeito, a administración galega adquire o conxunto do poboado mineiro de Fontao á propiedade mineira e comeza o proceso de rehabilitación das vivendas, rematadas en 2004.

Neste contexto, o municipio cruceño, consciente da importancia do patrimonio industrial e mineiro de Fontao, encarga en 2001 a elaboración dun anteproxecto para a posta en marcha do “Parque da Minería de Fontao”, prevendo a rehabilitación para uso público do conxunto das instalacións mineiras.

No ano 2007, este traballo ten continuidade coa redacción do Plan Director das Minas de Fontao, estudo no que se recollen os distintos usos das instalacións e se plasman as variables involucradas neste gran proxecto.

Xa no ano 2012 remátanse as obras de rehabilitación dos edificios de servizos comúns do poboado mineiro, que pasan a destinarse a Museo da Minería de Fontao, atendendo ao Plan Director, no cal esta actuación representa a primeira fase para a rehabilitación integral do conxunto das instalacións mineiras.

Dende xaneiro deste ano, o proxecto conta cunha dirección técnica encargada da posta en marcha do Museo nas instalacións recentemente rehabilitadas. Durante os últimos doce meses tense realizado un traballo intensivo en distintos frontes para a apertura ao público do museo en 2013.

O obxetivo final é a posta en valor  das instalacións mineiras, o cal constituiría unha actuación única en Galicia polas propias características das mesmas.

Esta iniciativa poder ser, de novo, unha oportunidade aproveitada. Podemos, ao igual que o capital que explotou longamente Fontao, ter clara a oportunidade que representa a posta en valor do noso patrimonio; un público potencial de miles de visitantes ao ano para este tipo de instalacións en España, e o noso compromiso coa recuperación dunha parte importantísima da nosa historia.

21 de marzo de 2013 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.