O municipio conta con 121 novos colectores de papel e cartón pregado do programa Carballo Limpo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

Seguindo a liña das últimas accións do novo plan de limpeza que se está levando a cabo a través do programa Carballo Limpo, estase procedendo á instalación de 121 novos colectores de papel e cartón pregado. O reparto destes colectores azuis faise en función da poboación, polo que 61 deles están sendo instalados no centro urbano e os 60 restantes estanse ubicando no rural do municipio carballés co obxectivo de mellorar a recollida selectiva nestas zonas. Así, hai que lembrar que Carballo dispón dun servizo de recollida selectiva de lixo co que os habitantes do municipio poden contribuír á defensa do medio, separando os refugallos no seu domicilio. Así, os restos orgánicos deben depositarse no colector verde, os bricks e as latas no colector amarelo e o papel e o cartón no azul. O vidro vai aos iglús verdes. As baterías e os medicamentos son recollidos nos establecementos colaboradores e nas farmacias da Vila, respectivamente. O Concello dispón, ademais, dun servizo de recollida de aceite de cociña usado nos colectores laranxas. Desde as entidades implicadas en Carballo Limpo recordan que se anima á poboación a colaborar co proxecto e facer as súas achegas e suxestións. Para poñerse en contacto co servizo pódese chamar ao teléfono 981 754 917, consultar a web www.carballolimpo.com e agora tamén a través da conta de Twitter @CarballoLimpo.

Así mesmo, convén lembrar que dende que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Urbaser e Servigal ten asumido a xesión do servizo de recollida de lixo, Punto Limpo e Canceira do Concello de Carballo (a finais de 2012) téñense rexistrado algúns cambios na xestión. Entre eles, a ampliación do horario do Punto Limpo do parque empresarial de Bértoa ou o incremento de días de recollida do Punto Limpo Móbil. Así, no primeiro caso a apertura é xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, incorporándose o horario de tarde. No segundo, amplíase substancialmente a recollida de voluminosos a domicilio, prestándose a partir de agora o servizo todos os mércores entre as 7.00 e as 13:40 horas, cando antes se limitaba aos primeiros martes de mes. Os usuarios/as que o desexen tan só deben avisar primeiro por Twitter ou por teléfono e depositar os enseres a carón dos colectores os martes pola noite.

19 de marzo de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.