O Intasa San Sadurniño recibe na casa ao Universidade Politécnica de Valencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalSan Sadurniño
A-
A+

Novo partido decisivo para o Aldebarán este sábado a partir das 17.30h. no pavillón municipal. Enfróntase ao cuarto clasificado da Superliga 2, o UP de Valencia, coas miras postas en obter unha puntuación que marque distancias co Barcelona. Os cataláns e o San Sadurniño van últimos na táboa empatados a 7 puntos e, tal e como están as cousas, só un deles permanecerá na categoría.

As cousas non se moven desde hai dúas fins de semana. A conta particular de Barça e Intasa mantense fixa nos 7 puntos por barba logo de que nos últimos encontros ningún dos dous equipos conseguise apretar resultados. 

A deste sábado é a xornada 16 e, unha vez xogada, só quedarán tres encontros para tentar salvar a temporada. En principio é o San Sadurniño quen o ten máis difícil nesta cita. O Universidade Politécnica de Valencia marcha cuarto na clasificación e preséntase como unha codia dura de roer. A favor do Intasa xoga o factor de estar na casa apoiado por unha afección que medra a medida que se aproxima o final da competición. 

Pola súa banda, o F.C. Barcelona tamén ten ao seu favor xogar na casa e contra o CV Leganés, un equipo -en principio- máis asequible que conforma canda eles a terna de colistas da Superliga Masculina 2 de volei.

Este sábado poden decidirse moitas cousas e o San Sadurniño precisa unha victoria ou un marcador final axustado que lle permita puntuar na clasificación ou, polo menos, manterse penúltimo.

1 de marzo de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.