O IES participa no taller de prevención de consumo de drogas da Unidade Terapéutica a prisión de Teixeiro
Alumnado de bacharelato do IES de Ortigueira visitará mañá a Unidade Terapéutica Educativa do Centro Penitenciario de Teixeiro. Será a continuación do taller de prevención de consumo de drogas en adolescentes “DI K-NON” que promove o departamento da prisión e a Fundación Barrié, e que se iniciou a pasada semana no municipio coa presenza no instituto dun grupo de internos implicados nesta iniciativa social.
O pasado martes, 5 de marzo, internos de Teixeiro, supervisados polos responsables do taller, foron exemplo vivo da crua realidade que leva consigo o consumo de drogas; un encontro impactante para os rapaces, segundo apuntan docentes do instituto, que agora se completará coa visita destes ao penal.
Así, está previsto que os estudantes teñan mañá a ocasión de descubrir como traballa a Unidade Terapéutica Educativa do Centro Penitenciario. Terán deste modo, ocasión de completar o traballo preventivo a través de distintas actividades didácticas e, sobre todo, vivindo en primeira persoa unha das consecuencias asociadas ao consumo de drogas: a perda de liberdade.
É a primeira vez que o IES de Ortigueira participa nesta iniciativa educativa innovadora, que descubriron a través da Concellaría de Benestar Social, e que está dirixida especialmente a alumnos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de toda Galicia por ser un grupo de risco e ter a idade habitual de inicio no consumo de alcohol e drogas.
A proposta trata de axudar aos adolescentes a elaborar estratexias proactivas e preventivas ante o consumo deste tipo de substancias, a partir de información e actividades de orientación e reflexión coa participación dos internos da Unidade Terapéutica Educativa de Teixeiro que padeceron o problema.
” DEI-K-NON” vén a reforzar as distintas propostas que pretenden previr o consumo de substancias psicoactivas entre a poboación adolescente local, base de programas educativos como o “Mídt” que vén desenvolvendo no último lustro o departamento de Benestar Social.











