O I.E.S. de Salceda de Caselas de novo en terras de Valle-Inclán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalLocal
A-
A+

Unha vez máis na recta final do inverno, por cuarto ano consecutivo, achegáronse ás terras pobrenses os alumnos do I.E.S. de Salceda de Caselas para coñecer de preto o ámbito da Viana del Prior das “Comedias Bárbaras” e a “Sonata de otoño” de Valle-Inclán.

A súa visita deste martes 5 de marzo, comezou na céntrica Praza do Cantón da Leña que acolle a escultura de don Ramón coa lectura dalgunha das poesías asinadas polo autor, e o famoso soneto de Rubén Darío adicado ó escritor: “Este gran don Ramón de las barbas de chivo…”

Xa dentro da Torre de Bermúdez, sede do Museo Valle-Inclán, disfrutaron dunha visita guiada polas dependencias do edificio de mans da técnica da institución e deron lectura a un fragmento de “Sonata de otoño” na Sala dedicada ó Marqués de Bradomín. Momento especialmente emocionante foi a representación dunha das escenas de “Luces de Bohemia” na sala Max Estrella.

Pero non remataron aquí a súa visita, ó saír do Museo marcharon cara os lugares da Pobra máis íntimamente ligados a Valle-Inclán: Villa Eugenia, Farmacia de Tato e Casa Grande de Aguiar, para continuar pola tarde coa subida ó cumio da Curota, onde tamén recitaron fragmentos de varias obras de Valle-Inclán, e visitaron o dolmen de Axeitos, monumento megalítico representativo da cultura galega descuberto no seu día polo pai de Valle-Inclán.

Como colofón, estes rapaces, totalmente implicados coa figura do creador do esperpento, traían preparada unha moderna coreografía dedicada ó escritor, que ensaiaron na praza do Cantón da Leña, onde estiveron tan involucrados os alumnos coma os mestres.

8 de marzo de 2013 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.