O Goberno local prepara un dispositivo especial de tráfico con motivo das sondaxes na dársena da Mariña
A Concellaría de Tráfico e Mobilidade informa de que, con motivo da realización de sondaxes no ámbito da dársena da Mariña por parte da Autoridade Portuaria, a partir de mañá, martes 12 de marzo, e ata o día 19 (salvo o próximo fin de semana) será necesario ocupar un carril da circulación na avenida de Alférez Provisional.
O Concello, en coordinación coa Autoridade Portuaria, preparou un plan de traballo para facilitar o máximo posible a circulación na zona:
– Os días 12, 13, 14 e 15 de marzo ocuparase o carril dereito, fronte á área de recreo infantil, en dirección entrada ao túnel de María Pita.
– Os días 18 e 19 de marzo ocuparase o carril dereito, fronte á Oficina de Turismo, en dirección entrada ao túnel de María Pita.
A Policía Local preparou un dispositivo especial que permite que en todo momento se manteña libre o outro carril de circulación de entrada á cidade, en dirección ao túnel de María Pita.
AVENIDA DE ARTEIXO
O departamento municipal que dirixe Begoña Freire tamén informa de que con motivo dos traballos de acometida de saneamento na avenida de Arteixo, nos números 15 e 17, durante os próximos días 12, 13, 14 e 15 de marzo, será necesaria a ocupación dun carril de circulación en sentido entrada á cidade, á altura do Pazo da Ópera. O cruzamento realizarase en dúas fases, manténdose sempre un carril de circulación. O horario dos traballos será de 08.00 a 19.00 horas, quedando libre a zona fóra dese horario.











