O Goberno Local cede chan para a instalación de dous ascensores no Barrio das Flores

Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 1,62 millóns de euros, o que eleva a cantidade final dende o inicio do mandato ata os 207,2 millóns -só nas sesións celebradas este ano supéranse os 32,3 millóns-. Entre os expedientes tramitados destacan as concesións demaniales gratuítas que permitirán a instalación de ascensores en dous edificios do Barrio das Flores -nas rúas Azar e Tulipáns-.
O Concello ten na mellora da accesibilidade unha das súas principais prioridades. Por este motivo, a Xunta de Goberno outorgou ás comunidades de propietarios do número 6 da rúa Azar e do 19 da rúa Tulipanes senllas concesións para uso privativo de terreos do sistema local de rede viaria situados xunto a estes inmobles, o que permitirá aos veciños instalar un ascensor na fachada dos seus edificios e facilitar así a comunicación entre a rúa e as vivendas. Na Xunta de Goberno Local desta mañá tamén se aprobou unha terceira licenza para a colocación dun ascensor no número 11 da rúa Agra del Orzán.
A aprobación destes tres permisos enmárcase dentro da aposta do actual equipo de goberno pola rehabilitación e a accesibilidade. En concreto, os acordos permiten a supresión de barreiras arquitectónicas grazas á instalación de ascensores, licenzas que se suman a outras medidas impulsadas dende o Concello, como a segunda convocatoria de subvencións para a colocación de ascensores e que se pechou o pasado 28 de febreiro. Nos presupostos de 2013 existe unha partida de 1,4 millóns de euros, dos que 900.000 forman parte do Plan de Instalación de Ascensores, o que supón multiplicar por seis o investimento inicial de 2012.
A Xunta de Goberno Local tamén concedeu os permisos para a construción de dous edificios, de 10 vivendas cada un, nas rúas Atocha Alta e Fonte Seoane, o que supoñerá un investimento que supera os 1,3 millóns de euros. Tamén se aprobou a licenza para os traballos de restauración e rehabilitación do número 42 da rúa Real, un edificio do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Histórico e Peixaría que está catalogado con protección estrutural.











